Teresa Abelleira debuta coa selección absoluta na goleada a Moldavia (10-0)
Por Almu Dapena
Á terceira foi a vencida para Teresa Abelleira. A pontevedresa e xogadora do Real Madrid debutou este venres coa Selección Española Absoluta no partido clasificatorio para a Eurocopa de 2022 fronte a Moldavia. Parecía que nunca ía chegar pero, esta vez si, Jorge Vilda confiou en Abelleira para participar na goleada de España á selección moldava e asaltar o liderado do grupo a falta de dúas xornadas. Tratábase do duelo definitivo para encarrilar o billete para viaxar a Inglaterra, xa que o martes terán que recibir, de novo en Las Rozas, a Polonia.
As españolas tivérono fácil desde o principio. No minuto 6 Aitana Bonmantí controlaba a pracer dentro da área un centro de Alexia e poñía o 1-0. Seis minutos despois volveron golpear as españolas. De novo a xogadora do FC Barcelona facía de asistente para que Jenni Hermoso rematase de primeiras ao interior da portería moldava.
España estaba cómoda, xogando en campo rival e gozando de innumerables ocasións. Con todo, non foi ata o minuto 24 cando chegou o terceiro tanto que presaxiaba unha nova goleada. Con axuda da colexiada, que non viu fóra de xogo, Jenni recibiu outro pase da súa compañeira de equipo e disparou a dentro das mallas. Tres minutos despois chegou o cuarto. A defensa derrubou a Mariona dentro da área e ela mesma fixo o póker para as españolas.
O dominio era continuo e, alcanzando a media hora de xogo, a autora do cuarto gol foise de todas as xogadoras rivais que lle saíron ao seu paso e cedeu a Aitana para que marcase o quinto gol de España e segundo na súa conta particular.
Non contentas co resultado, no tempo de prolongación e para mala fortuna das visitantes, Cardona recolleu o rexeite da porteira moldava e Prisăcari, no seu intento por despexar, introduciu o balón na súa propia portería.
Co 6-0 chegouse ao descanso e tras el, o conto repetiuse. España seguiu dominando no seu intento de aumentar o castigo dunhas xogadoras moldavas que defendían como podían as continuas internadas polos costados das pupilas de Vilda e que se convertían en claras ocasións que non lograban transformar.
Con todo, cando se alcanzaba o cuarto de hora da segunda metade e tras unha moi boa triangulación no medio do campo, Jenni Hermoso abriu para a banda dereita onde se atopaba Cardona, que centrou a Alexia para poñer o 7-0 coa súa perna menos boa. Nese momento Vilda chamou a Teresa Abelleira e a Eva Navarro para que entrasen ao campo, producíndose o debut da xogadora pontevedresa coa Selección Absoluta (min. 61).
Seguiu dominando España, que se negaba a ceder espazos para que as moldavas chegasen ata a portería dunha Lola Gallardo que ata o momento tocara 3 balóns, todos a pase das súas compañeiras.
Cumpríase o 71 de partido e Patri Guijarro non quería quedar sen o seu gol. Meteuse ata a cociña e enviou á rede o esférico para poñer o oitavo tanto para as españolas.
Dez minutos despois a colexiada si que viu fóra de xogo no gol de Jenni e, na seguinte xogada, Eva Navarro non perdoou e picou o esférico por encima da porteira moldava poñendo, esta vez si, o noveno gol ao marcador e o seu primeiro gol coa Absoluta.
A goldeada ampliouse cando Cardona caeu dentro da área e a árbitra holandesa viu penalti. Jenni Hermoso preparouse e con toda a tranquilidade do mundo mandou o balón á rede para facer a súa hat- trick e o 10-0 co que concluíu o encontro.
España (10): Lola Gallardo; Ona Batlle (min. 46, Leila Ouahabi), Andrea Pereira, Laia Aleixandri (min. 76, Nerea Eizaguirre); Patri Seixo, Aitana Bonmatí ( min. 61, Tere Abelleira), Alexia Putellas, Mariona Caldentey (min. 76, Irene Guerrero), Marta Cardona; Jenni Hermoso e Nahikari García (min. 61, Eva Navarro).
Moldavia (0): N. Munteanu (min. 46, M. Panova), C. Cerescu, Prisacari, Caraman, Sivolobova, Carolina Tabur, Chiper, Mitul (min. 54, Cojuhari), C. Musteata (min. 69, Druta), N. Colesnicenco, Irina Topal (min. 46, Railean).
Goles: Aitana Bonmatí (1-0, min. 6), Jenni Hermoso (2-0, min. 12), Jenni Hermoso (3-0, min. 24), Mariona (4-0, min. 27 p.), Aitana Bonmatí (5-0, min. 30), Prisacari (6-0, min. 45 p. p.), Alexia (7-0, min. 56), Patri Guijarro (8-0, min. 71), Eva Navarro (9-0, min. 84), Jenni Hermoso (10-0, min.86 p.).
Relacionadas:
-
Tere Abelleira, convocada pola Selección Española para os dous primeiros partidos da clasificación mundialista
Por Diego Espiño |
-
O orgullo de "ter en Pontevedra unha xogadora de alto nivel" como Tere Abelleira
Por Diego Espiño |
-
Teresa Abelleira regresa á convocatoria da Selección Española Absoluta para a dobre cita fronte México e Holanda
Por Diego Espiño |
-
Teresa Abelleira, premiada como futbolista revelación da tempada
Por Redacción |
-
Terceira convocatoria internacional consecutiva para Tere Abelleira, que aínda non debutou con España
Por Manu Otero |
-
Teresa Abelleira repite convocatoria coa Selección Española á espera do seu debut
Por Redacción |
-
Tere Abelleira, tras os seus primeiros días na Selección Española Absoluta: "Estar aquí es un sueño cumplido"
Por Diego Espiño |
-
Teresa Abelleira estréase nunha convocatoria da Selección Española Absoluta
Por Diego Espiño |
-
Teresa Abelleira inicia oficialmente a súa etapa como xogadora do Real Madrid
Por Diego Espiño |