Un partido de liga entre Pontevedra e Deportivo en Pasarón case 40 anos despois
Por Diego Espiño
Tiveron que pasar case 40 anos para volver vivir un partido oficial do campionato nacional de liga entre o Pontevedra Club de Fútbol e o Real Club Deportivo no Estadio Municipal de Pasarón, unha cita que terá lugar o vindeiro sábado 5 de novembro (17.00 horas).
A última vez que isto ocorreu, tamén na categoría de bronce do balompé nacional, foi o 28 de decembro de 1980, nun encontro no que os granates venceron por 2-0 grazas a un dobrete de Jesús Bea a pesar de que esa tempada terminarían caendo a 3ª e os coruñeses ascendendo de categoría.
Desde entón a traxectoria de ambas as dúas entidades foi oposta. Mentres o Pontevedra durante estes anos militou 7 tempadas en Terceira, 31 en Segunda B e só 1 en Segunda División, o Deportivo encadeou 14 anos na categoría de prata e 25 en Primeira División, nos que conseguiu levantar un título de liga, 2 de Copa do Rei e 3 Supercopas.
A pesar de toda esa bagaxe, de novo dous dos máximos referentes do fútbol galego volven este curso para compartir competición e tamén en parte aspiracións, colocados por moitos como os dous grandes favoritos do Subgrupo 1-A ocupando actualmente as dúas primeiras posicións.
Son moitos anos sen vivir un Pontevedra-Deportivo a beiras do río Lérez, e aínda que a afección granate só poderá estar minimamente representada polas restricións da Covid, poden polo menos agarrarse aos precedentes confiando na que os de Jesús Ramos consigan prolongar unha estatística que historicamente é favorable ao club granate.
De feito das seis últimas visitas do Deportivo a Pasarón, catro saldáronse con triunfo local e dúas con empate. Hai que retroceder ao curso 61-62 en Segunda División para atopar o último triunfo branquiazul en Pontevedra, por 0-3.
Por medio na 76-77 en Segunda deuse un 1-0, idéntico resultado e categoría que na 70-71. Pola súa banda en Primeira División vivíronse dous empates sen goles (68-69 e 69-70) e unha vitoria local por 1-0 (66-67).
Relacionadas:
-
Ramos convoca a todo o plantel a excepción do lesionado Romay para a visita do Deportivo
Por Diego Espiño |
-
A Xunta autoriza a ampliación de aforo do Pontevedra-Deportivo a 500 espectadores
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Preocupante lesión de xeonllo de Romay no adestramento do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Deportivo prepara a súa visita a Pasarón con tres futbolistas á marxe do grupo
Por Redacción |
-
Churre avisa ao Deportivo: "Imos competir con eles ata o final de tempada"
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra de dúas caras salva un punto en San Lázaro (2-2)
Por Manu Otero |