Churre avisa ao Deportivo: "Imos competir con eles ata o final de tempada"
Por Diego Espiño
É quizais o partido máis esperado da tempada regular, pero disputarase finalmente con restricións de público debido á situación sanitaria. Por iso, un dos capitáns do Pontevedra como Víctor Vázquez 'Churre' defende que tentarán vencer o Deportivo en Pasarón "por eles", os afeccionados, "para que sentan orgullosos de nós".
O central marinense cre que "se gañas na casa sumar fóra sempre é positivo", polo que "teremos que facer bo o punto sumado en Santiago contra un rival que está aí arriba como nós".
A pesar de que moitos colocaron aos granates nun papel de favorito esta campaña á altura do cadro coruñés, Churre escapa desa etiqueta: "O cartel de favorito non o queremos e non o temos. Se hai algún favorito por orzamento e demais é o Deportivo. Nós pensamos en ir xogando cada domingo, en gañar e que non se escape nada máis de Pasarón", sinala o defensor.
Será en todo caso unha dura proba para os granates, que do mesmo xeito que o seu rival non coñecen a derrota esta campaña e que pensan con abrir oco co pelotón perseguidor.
Por ese motivo, e ante a soleira do rival, Churre resume o sentir do plantel pontevedrés: "Imos tentar por todos os medios dar un golpe enriba da mesa e dicir que aquí estamos nós e que imos competir con eles ata o final de tempada, que é o obxectivo".
Para iso o Pontevedra deberá buscar a maneira de facer dano a un Deportivo que se está caracterizando por unha gran solidez defensiva. "Temos que buscar a forma de que se vaian cun par de goles encima, porque está a ser un equipo rochoso, difícil de crearlle ocasións", afirma o marinense, que en todo caso non se asusta do potencial branquiazul defendendo que "nós coxos tampouco somos. Se estamos como temos estar e competimos como sabemos podemos competirlle a calquera".
Con estes ingredientes a batalla polo liderado do grupo está servida.
Relacionadas:
-
Ramos convoca a todo o plantel a excepción do lesionado Romay para a visita do Deportivo
Por Diego Espiño |
-
A Xunta autoriza a ampliación de aforo do Pontevedra-Deportivo a 500 espectadores
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O Dépor quere dar "un pequeno golpe encima da mesa" gañando en Pasarón
Por Manu Otero |
-
Preocupante lesión de xeonllo de Romay no adestramento do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Deportivo prepara a súa visita a Pasarón con tres futbolistas á marxe do grupo
Por Redacción |
-
Un partido de liga entre Pontevedra e Deportivo en Pasarón case 40 anos despois
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra de dúas caras salva un punto en San Lázaro (2-2)
Por Manu Otero |