Dura derrota en Burgos para un Teucro negado en defensa (36-27)
Por Redacción
Chegaba a Sociedad Deportiva Teucro ao primeiro encontro da segunda volta da fase regular despois de dúas vitorias consecutivas que fixeran crecer o equipo relanzándoo na clasificación. Con todo esa xeira positiva chegou ao seu fin dunha maneira dura, cunha contundente derrota este sábado na pista do San Pablo Burgos (36-27).
Non foi o mellor día para os pupilos de Irene Vilaboa, especialmente en defensa, onde se viron superados polo ataque local e especialmente por un Joshua Da Silva que foi un pesadelo no lanzamento exterior, con 9 goles.
A pesar diso, nada parecía presaxiar no inicio unha cómoda vitoria burgalesa, e é que foron uns primeiros minutos de alternativas no marcador. Ángel Iglesias anotou o primeiro tanto do partido, aínda que o que tomou a iniciativa primeiro foi o Burgos en tres poutadas (3-1).
A pesar de ir por detrás, os azuis conseguían igualar nun par de accións e mesmo, aos 11 minutos, tomaban a dianteira tras dous goles consecutivos de Remeseiro (7-8). De novo con táboas unha expulsión no bando local permitiu ao Teucro sumar a súa máxima vantaxe ao anotar Ángel Iglesias e Víctor Deco. Pedía tempo morto o San Pablo cando se rozaba o ecuador da primeira metade (8-10).
Foi o momento no que o partido comezou a cambiar, co Burgos anotando con facilidade e os pontevedreses cometendo varios erros ata que con 16-12 Irene Vilaboa para o xogo. Conseguiu polo menos conter a hemorraxia ata o descanso (20-16), cunha vintena de goles encaixados que evidenciaban que algo non estaba a funcionar como quererían os galegos.
Tocaba reflexionar no intermedio, pero se non estaba a ser o seu mellor partido o inicio do segundo acto foi aínda peor, enterrando as opcións de volver a casa con algo positivo. Os locais marcáronse un parcial de 7-1 ao seu favor nos primeiros 8 minutos do segundo tempo (27-17). Cando Caüe Herrera cortou a xeira negativa, a desvantaxe semellaba xa unha laxa demasiado pesada.
Con esa importante renda o Burgos limitouse desde entón a controlar o marcador, e fíxoo con éxito a pesar da tensión que se viviu por momentos na pista.
Mal día na oficina para o Teucro, que con esta derrota queda con 8 puntos na sexta posición da táboa clasificatoria.
Relacionadas:
-
O Teucro vaise con mal sabor de boca ás vacacións de Nadal ao perder con claridade contra o Adrianenc (30-25)
Por Almu Dapena |
-
Valiosa vitoria do Teucro ante un Sarrià moi inferior (34-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Puente Genil e Sarrià, rivais de Cisne e Teucro na súa loita pola permanencia
Por Redacción |
-
Segunda vitoria consecutiva para un Teucro que tivo que sufrir ante o Ibiza (28-26)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
As charlas do programa 'Saúde, alimentación e actividade física' comezan a vindeira semana da man do Concello e a SD Teucro
Por Redacción |
-
O Teucro, liberado tras o seu primeiro triunfo, márcase a permanencia como meta da primeira fase da liga
Por Manu Otero |
-
O Teucro pon fin á súa mala serie e atópase coa vitoria á conta do Lalín (26-30)
Por Almu Dapena |