O TM Monte Porreiro comezará a tempada o 6 de marzo co equipo de Superdivisión
Por Almu Dapena
O Tenis de Mesa Monte Porreiro xa sabe cando regresará á competición. Despois tantas complicacións para o comezo da nova tempada, a Real Federación de Tenis de Mesa deu a coñecer a data tan ansiada polo club pontevedrés: o 6 de marzo será o equipo de Súper División Masculina e o 13 de marzo o de División de Honra tanto masculina como feminina, datas suxeitas a cambios en función das restricións sanitarias.
En canto ao formato escollido pola Federación, descartaron facelo nunha sede única e formato burbulla. "Cremos que non sería viable economicamente para moitos equipos", explican, por iso decidiron que se disputará nos clubs con dispoñibilidade de 1 a 3 mesas de xogo e os grupos de 9 e 10 equipos dividiranse en subgrupos de 5 "para que as xornadas sexan máis reducidas, e evitar a coincidencia de moitos equipos no mesmo lugar".
Así mesmo, e como medida xeral, a Federación determinou que en todas as categorías o sistema de xogo será o Swaithling reducido sen dobre e que na Circular Normativa das ligas Nacionais establecerase o procedemento no caso de que sexa necesario aprazar algún encontro por causa da covid.
SÚPER DIVISIÓN MASCULINA
A Súper División Masculina estará formada por dous grupos de sete equipos e disputarase a dobre volta. Os tres primeiros de cada grupo (6 equipos) pelexarán polo playoff para o título, os quintos e sextos (4 equipos) xogarán o playoff de descenso e baixarán dous, e os últimos de cada grupo (2 equipos) descenderán directamente.
As fases de ascenso e descenso disputaranse en sede neutral designada pola Federación e será a partido único, aínda que todos os equipos poderán solicitar ser sede nalgunha das xornadas.
DIVISIÓN DE HONRA
A División de Honra contará con tres grupos de dez equipos, onde cada grupo dividirase en dous subgrupos de cinco por proximidade xeográfica ou sorteo.
Celebrarase en dúas fases. Na primeira, cada subgrupo disputarase a dobre volta en 4 xornadas e aí decidiranse os equipos que van á fase de ascenso ou de descenso. Para o posible ascenso clasificaranse os tres primeiros de cada subgrupo, enfrontaranse segundos con terceiros e os vencedores enfrontaranse aos primeiros. En xogo estarán as posicións do 1 ao 6, onde os 3 primeiros disputarán o playoff de ascenso.
Igual que pasa coa SDM, as fases de ascenso serán en sede neutral que designará a Federación a partido único, aínda que para o ascenso poderán solicitar ser sede os primeiros de cada grupo e para o descenso os cuartos.
Finalmente, o Campionato de España Absoluto e a Copa do Rey e a Raíña disputaranse no mes de xuño, do mesmo xeito que o Campionato de España de idades, Veteranos e Persoas con Discapacidade.
Relacionadas:
-
A falta de espazo para adestrar afoga o TM Monte Porreiro: "Estamos a denegar entradas ao club, e é unha pena"
Por Diego Espiño |
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro, listo para afrontar a liga de Superdivisión "más fuerte de los últimos años"
Por Diego Espiño |
-
A nova promesa do TM Monte Porreiro, Emma Álvarez, seleccionada pola Federación Española para o proxecto MiniSpin
Por Redacción |
-
A permanencia na Superdivisión é unha meta "más que suficiente" para o TM Monte Porreiro
Por Diego Espiño |
-
Dobrete para o Tenis de Mesa Monte Porreiro no Campionato Galego Absoluto por Equipos
Por Redacción |
-
O Tenis Mesa Monte Porreiro presume do seu primeiro título de campión galego absoluto masculino por equipos
Por Redacción |