Caridad García, nomeada a mellor gardameta mundial de fútbol sala
Por Diego Espiño
É algo sabido desde hai un tempo que a portería do Poio Pescamar está en boas mans, e é que poucos equipos poden presumir baixo paus de contar con dúas gardametas internacionais.
Ata o de agora a pontevedresa Silvia Aguete, nomeada a pasada tempada mellor porteira de fútbol sala do Mundo, acaparaba os titulares na maioría das ocasións, pero este curso está a deixar paso a unha xove Caridad García que vén pisando forte.
Ante as ausencias da súa compañeira por lesión, Caridad foise facendo forte na portería do Poio, sendo distinguida recentemente co premio a MVP da fase final da Copa da Raíña pola súa gran actuación.
Ese nivel valeulle para relevar a Aguete na lista de nomeadas a mellor porteira mundial nos Futsalplanet Awards, na súa edición de 2020. Aos seus 21 anos, a futbolista andaluza é unha das 10 finalistas a este importante galardón.
Xunto a ela figuran na lista a española Marta Balbuena (Futsi Atlético), as brasileiras Giga (Associação Female Futsal Chapecó) e Regiane Fernanda Silva (Leoas da Serra), a italo brasileira Ana Carolina Caliari (Montesilvano C5 Femminile), a italiana Angelica Dibiase (Città dei Falconara) a portuguesa Ana Catarina Silva (Sport Lisboa e Benfica), a rusa Anastasia Ivanova (FK Aurora Sankt- Peterburg), a xaponesa Ayaka Yamamoto (SWH Ladies Futsal Club) e a iraniana Zeinab Karami (Mes Rafsanjan).