Álvaro Cortés: "Estou encantado en Pontevedra, véxome aquí moitos anos"
Por Manu Otero
Non tivera tempo de debutar coa camiseta do Pontevedra en partido oficial, pero tan pronto como puido enfundarse as luvas, Álvaro Cortés xustificou a golpe de paradóns o seu desembarco en Pasarón. "Estou moi contento co meu e co traballo dos meus compañeiros. Os partidos déronse ben e espero seguir na mesma liña. Unha pena o sabor agridoce do partido contra o Cádiz", admite o prometedor gardameta granate.
"O posto do porteiro é especial, xa se sabe. Eu estou moi contento e alégrome moitísimo polo grupo xogue ou non", asume con honestidade, humildade e compañeirismo Cortés a súa situación de suplente.
As súas actuacións na primeira rolda da Copa do Rey contra o Cartaxena xa motivaron os eloxios da inchada, pero o seu voo sen motor para despexar o cabezazo do cadista Garrido e o man a man salvado na prórroga diante do Choco Lozano permitiron ao Pontevedra manter a esperanza de dar a machada ata os minutos finais.
"Puiden velo claro a pesar de que había moita xente", explica o madrileño como sacou da escuadra o cabezazo de Garrido na primeira metade do duelo contra o Cádiz. "Estou contento porque iso deu aire fresco ao equipo, que son os que corren", destacou.
Con todo, considera máis complicada o seu intervención no tempo extraordinario. "Foi máis difícil a do Choco porque estaba só, moi preto e nese momento que se che pode nublar a vista, pero conseguín aguantar", relata orgulloso.
Menos satisfeito mostrouse co desenlace da quenda de penaltis. E iso que estivo preto de deter dous lanzamentos. "Non son unha lotería ao 100 %. Pero si que é verdade que ao non poder adiantarnos nin un pouquiño e gañarlle espazo ao lanzador estamos en desvantaxe", quéixase Álvaro.
O prometedor gardameta que abandonou o San Sebastián de los Reyes, onde se gañou a titularidade, para competir polo arco de Pasarón está "encantado" na súa nova cidade. "Era a primeira vez que saía de Madrid, nunca estivera en Galicia e encántame e tamén estou encantado en Pontevedra", sostén Cortés ansioso por descubrir, xa lle contaron, como é a Boa Vila e Pasarón sen as restricións da pandemia. "Xa me dixeron que o Fondo Norte non é nin a metade do que vin ata o de agora", sinala.
A eliminación da Copa do Rey relega de novo ao banco a Cortés. Pero o xogador non ten présa por volver ao once e céntrase unicamente en traballar e mellorar para poder converterse no dono da portería de Pasarón. "Estou moi contento en Pontevedra e véxome aquí moitos anos", sostén.
Mentres tanto, a convivencia con Mario Fernández é inmellorable. "É un compañeiro excelente, levámonos moi ben, de feito hoxe comido con el. É un porteiro con moita experiencia, xogou en Primeira División, e aprendo moito del", recoñece un humilde Cortés que en pouco máis de 200 minutos gañouse o agarimo e respecto da súa inchada.
Non só a afección e os seus compañeiros son conscientes do alto nivel do gardameta, tamén Jesús Ramos quixo destacar o traballo realizado por Álvaro Cortés desde antes da súa chegada a Pasarón. "Álvaro xa foi capaz de quitarlle o posto no Sanse a un porteiro veterano e de facer grandes actuacións", destacou o adestrador do Pontevedra.
Á marxe do seu indiscutible talento como porteiro, "é moi boa persoa, moi trabajor e está moi ben preparado", continuou Ramos para congratularse polo bo nivel da portería granate. "Temos dous porteiros moi bos, ademais de Dadín que tamén traballa moi ben e é moi bo. A portería está moi ben gardada", rematou.
Relacionadas:
-
O Pontevedra rende homenaxe ao espírito do Hai que Roelo para despedirse da Copa con honras (0-0)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un enorme Pontevedra elimina o Cartagena da Copa do Rei (2-1)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Suma e segue do Pontevedra que pecha as chegadas do centrocampista Borja Martínez e do porteiro Álvaro Cortés
Por Diego Espiño & Ramiro Espiño |