O Bádminton Ravachol suma a súa primeira vitoria na máxima categoría fronte o Rinconada Sevilla (5-2)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena
Sentou ben o parón do Nadal ao Bádminton Ravachol, que logrou este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a súa primeira vitoria na máxima competición nacional de clubs. Coas pilas cargadas e os ánimos reforzados, o club pontevedrés afrontou unha nova cita ante o Rinconada Sevilla para finalmente vencer por 5-2.
Os primeiros en saltar á pista foron Elena Fernández e Javier Sánchez fronte a José Manuel Flores e Marta Molina. Foi un duelo igualado de principio a fin pero foron os do club pontevedrés os que sumaron o primeiro punto ao vencer por un axustado 21-16 e 21-17.
De novo Sánchez volveu á cancha para disputar o segundo encontro do día, esta vez xunto a Brea e ante os consagrados Carlos Piris e Juan Manuel Fernández. Remontou o Ravachol no primeiro set para finalmente gañalo por 21-19 e repetir o mesmo resultado no segundo, sumando así outro punto moi valioso para o cómputo global da xornada.
As seguintes en tomar parte foron Elena Fernández e Ania Setién por parte do equipo pontevedrés e Laura e Marta Molina para o Rinconada. As visitantes fixéronse co primeiro set por 12-21; o segundo leváronllo as do Ravachol cun ajustadísimo 24-22; finalmente, o definitivo foi para as de Sevilla.
O marcador xeral marcaba o 2-1 e o Rinconada igualaba a partida. Chegaba a quenda do individual feminino. Na pista, Raquel Miguens e Marta Calleja. Aínda que o tentou a xogadora do Ravachol, terminou caendo por 14-21 e 08-21.
Chegou a quenda do individual masculino con Gabriel Fernández e Juan Manuel Fernández á fronte. O xogador visitante fíxose co primeiro set por 17-21, pero, finalmente, o local foi capaz de remontar e vencer por 21-14 e 21-15 e poñer ao seu equipo de novo por diante (3-2).
Ania Setién foi a seguinte en competir ante unha Nerea Díaz que buscaba o empate para deixar todo por decidir no último partido. Con todo, foi Setién a que se impuxo, no primeiro set con dificultade (23-21), e no segundo de maneira máis clara (21-15) para colocar o 4-2 que xa daba a vitoria ao Ravachol a falta de xogarse o duelo entre Manuel Brea e Carlos Piris.
No último duelo, Brea non dubidou en plantar cara ao do equipo sevillano e finalizar a xornada con outro punto ao vencer por 21-11, 02-21, 21-14.
Relacionadas:
-
Derrota do Ravachol por 7-0 ante o Oviedo, líder invicto
Por Redacción |
-
Mudanza ao Municipal para o regreso á competición do Bádminton Ravachol na División de Honra
Por Redacción |
-
A falta de adestramento, un problema para o Bádminton Ravachol ante o regreso da liga de División de Honra
Por Redacción |
-
A División de Honra de bádminton para ata o mes de marzo pola pandemia
Por Redacción |
-
Enerxías renovadas para a volta á competición do Bádminton Ravachol
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol refórzase coa fichaxe da asturiana Elena Fernández
Por Redacción |
-
O CB Ravachol faise co campión de España de dobres, Javier Sánchez
Por Redacción |
-
O Ravachol planta cara o Arjonilla pero termina perdendo (5-2)
Por Redacción |