Sanidade suspende o deporte federado de ámbito autonómico
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunicou as medidas anunciadas polo comité clínico, entre elas a suspensión temporal das competicións do deporte federado de ámbito autonómico, aínda que se manteñen as de ámbito estatal.
Os deportistas de ámbito autonómico, ademais, deberán cumprir cos criterios xerais da poboación cando realicen os seus adestramentos. Así, os adestramentos deben ser individuais ou en grupos dun máximo de catro persoas e estarán suxeitos tanto ao toque de queda como ás limitacións de mobilidade de cada concello.
En canto á situación dos ximnasios, o conselleiro anunciou que se tomarán decisións en canto ao uso de vestiarios, pero aínda sen anunciar cales. Adiantou que posiblemente afectarán o aforo dos vestiarios e prohibiranse as duchas.
Os peches perimetrais de 55 concellos galegos máis entran en vigor durante a noite do mércores ao xoves, segundo concretou Julio García Comesaña. A Xunta decidiu pasar ao nivel máximo de restricións a outro medio centenar de municipios debido á súa situación epidemiolóxica, polo que a partir do día 21 serán 115 os concellos dos que non se poida entrar nin saír sen motivo xustificado.
Ademais a Xunta decretou o peche total da hostalería e a suspensión de actividades non esenciais en Arteixo (A Coruña), Xinzo de Limia (Ourense) e Viveiro (Lugo). Os locais hostaleiros do resto dos municipios nos que hai un peche perimetral poden abrir as súas terrazas cun 50% do aforo e ata as 18.00 horas.
Relacionadas:
-
Sen público nas bancadas durante as tres próximas semanas
Por Diego Espiño |
-
A continuidade da Segunda B e Terceira, a debate nunha reunión da RFEF coas territoriais
Por Diego Espiño |
-
Deporte federado, ximnasios, hostalería... así quedan as restricións a partir deste xoves
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tino Fernández aplaude que a Xunta "admita ao fin que hai que aplicar criterios de prevención e prudencia no deporte"
Por Redacción |