O PP local diríxese por carta aos clubs de Pontevedra: "O deporte volverá máis forte"
Por Redacción
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra responsable da área deportiva, Guille Juncal, remitiu este xoves unha carta a todos os clubs deportivos da cidade ante as novas restricións anunciadas pola Xunta.
Nela o edil traslada "o noso apoio e empatía" ante a "situación tan delicada" que están a pasar as entidades deportivas.
Juncal asegura que "entendo e comparto o voso sentimento de frustración ante unha decisión que vén dada pola preocupante tendencia desta terceira onda, que obriga a tomar decisións máis drásticas", defendeu poñendo en valor a xestión dos últimos meses por parte dos clubs deportivos para manter a súa actividade coa maior seguridade posible.
"O deporte volverá máis forte e, desde este grupo municipal, seguiremos defendendo todo o traballo que realizastes e mantendo a mesma postura que todos estes meses", sinala a misiva.
O concelleiro popular conclúe calificando como "comportamento modélico" a actitude dos clubs porque "aínda con ese sentimento lexítimo de frustración e inxustiza que agora sentides, todos sodes conscientes do delicado da situación sanitaria nestes momentos".