O Atlético Arousana suma os seus primeiros tres puntos esta tempada ante un Victoria FC minguado polas baixas (2-0)
Por Almu Dapena
Primeira vitoria para o Atlético Arousana esta tempada. O cambio de adestrador nas filas das de Vilagarcía fíxoas cambiar o rumbo para sumar o primeiros tres puntos en liga ante un mermado Victoria FC que chegaba á cita minguado polas baixas de catro xogadoras clave e que tentou facer o seu xogo nun campo sempre complicado. Sen présa e con moita pausa saíu ao campo da Lomba o equipo de Santiago, que se viu sorprendido con dous goles de Dini en pouco máis de dous minutos e quedou sen tempo de reacción.
O temporal deu unha tregua para a disputa do encontro correspondente á xornada 11 de Primeira Nacional. Aínda que o terreo de xogo estaba encharcado e non permitía trenzar xogadas, as santiaguesas eran as que tiñan as posesións máis longas e gozaban dalgunha que outra ocasión pero sen perigo para a porteira local.
O Arousana tívoa cunha xogada illada no minuto 8 tras rn tiro afastado de Dini, pero Beli atallou sen problemas. Minutos máis tarde, o Victoria tentouno de falta pero o disparo de Ánxela foise pola liña de fondo.
Cando se alcanzaba a medianía de xogo, as visitantes tiveron a mellor ocasión tras un erro defensivo de Falcón, que deixou o balón morto ao bordo da área e a dianteira santiaguesa tirou de primeiras obrigando a intervención, en dous tempos, de Iria Ferreiro. Respondeu ao pouco tempo o Arousana cun tiro desde fóra da área de Miri Señoráns pero foise por encima da portería de Beli.
O partido non parecía ter un claro dominador. Aínda que a posesión e a maior parte das chegadas a área rival eran do Victoria, parecía que o Arousana podía facer dano con xogadas illadas. Sen máis, alcanzouse o último minuto de tempo regulamentario e chegou a polémica. Arufe pasou o balón a Iria, que colleu o esférico coas mans provocando unha cesión que o colexiado non considero como tal, provocando as queixas das xogadoras de Santiago na que ía ser a última xogada da primeira metade.
Tras o paso polos vestiarios, o dominio do esférico cambiou de bando e comezaron a dominar as de amarelo, que tentaban abrir a lata con disparos afastados de Melani. Pola súa banda, o Vitoria non tiña présa por chegar á área rival e cada vez que roubaba o balón, tentaba mantelo no seu poder o maior tempo posible pero sen xerar perigo. Puido abrir a lata o Victoria no minuto 73 cunha falta lateral tras unha man da porteira local fose da área pero o centro foi rexeitado pola defensa arousá.
Coas longas posesións non se xeraba ningún perigo e o Arousana deuse conta. Así, empezou a optar por enviar balóns longos e nun visto e non visto fixéronse donas do marcador. Dini, por partida dobre e en pouco máis de dous minutos, puxo o 2-0 no partido e rompeu os esquemas dun Victoria ao que quedaban 10 minutos para remontar.
Puido recortar distancias Anxela no minuto 86 co lanzamento dunha falta ao bordo da área pero a estirada de Iria Ferreiro evitouno. Outra vez Ánxela tentouno de libre indirecto cando o colexiado, esta vez si, viu a cesión en área local cando se alcanzaba o tempo de prolongación pero o disparo deu na barreira.
Finalmente, 2-0 e primeiros tres puntos para un Atlético Arousana que busca escapar dos postos de descenso.
Relacionadas:
-
Derrotas do Umia e Atlético Arousana fronte ao Victoria FC e Deportivo B
Por Almu Dapena |
-
Goleada do Viaxes Interrías no derbi ante o Arousana (5-0), e sorprendente vitoria do Umia fronte o Deportivo 'B' (4-1)
Por Almu Dapena |
-
O Umia vence o Atlético Arousana no derbi na Bouza (5-1) e o Interrías golea o Valladares (6-0)
Por Almu Dapena |