Dura derrota do Umia en casa do Sárdoma (4-2) e continúa o liderado do Viajes Interrías tras empatar co Deportivo 'B' (1-1)
Por Almu Dapena
Acabouse o refacho de vitorias para o Umia Cf. Despois de gañar os tres últimos encontros, o equipo de Barrantes volveu atopar cunha derrota a domicilio no campo de As Relfas contra o Sárdoma por 4-2. O Viajes Interrías, pola súa banda, empatou a un gol cun Deportivo 'B' que tocado e que quería volver á senda das vitorias tras levar dúas xornadas sen puntuar.
Sárdoma CF 4-2 Umia CF
Custoulles entrar no partido ás xogadoras do Umia que, ao contrario que as locais, saíron moi fortes e atopaban espazos con facilidade aproveitándose do ancho do campo.
Non lle estaban saíndo ben as cousas ás xogadoras de Barrantes, que cando se alcanzou o ecuador da primeira metade xa se atoparon con dous goles en contra. Custáballes tapar o carril central, o Sárdoma combinaba como quería e facíase cos balóns divididos, mentres ao Umia 'queimáballe' o balón nos pés e desfacíase del con rapidez cando máis necesitaba manter a posesión.
A pesar de que o dominio do xogo era das branquiazuis, Eva recortou diferenzas para o equipo visitante ao aproveitar un bo man a man coa porteira e enviar o esférico á rede no minuto 24.
Aínda quedaba moito partido por diante e o Umia veu arriba co gol. Desta forma, a falta de 5 minutos para a conclusión da primeira metade, Ainhoa tivo nas súas botas a oportunidade de devolver as táboas ao marcador pero o seu disparo foise pola liña de fondo. 3 minutos despois, o Sárdoma volveu golpear para facer maior a súa renda goleadora e colocou o 3-1 co que se chegou ao descanso.
O paso polos vestiarios veu ben ás de Barrantes, que se plantaron mellor no terreo de As Relfas pero seguían sen sentirse cómodas co balón nos pés e, cada vez que recuperaban, soltábano con rapidez.
Así foron pasando os minutos e alcanzáronse os instantes finais de encontro. O partido estaba sen control, o Umia subira as liñas en busca un gol que volveu saír das botas de Eva tras unha espectacular xogada de triangulación ao primeiro toque entre Marga, Carla e Nati.
Tivo outra vez o empate a autora dos goles visitantes pero non foi capaz de controlar o esférico e a defensa rouboulle a carteira. A que si tivo fortuna para sentenciar foi Yaiza, que a falta de 3 minutos para que o colexiado pitase o final fixo o 4-2 co que concluíu o duelo.
Deportivo 'B' 1-1 Viajes Interrías
Partido moi disputado o celebrado este domingo en Abegondo entre o Deportivo da Coruña ' B' e o Viajes Interrías e que finalmente se saldou en empate a 1. O equipo de Sanxenxo xa sabía que lles ía a tocar pelexar desde o minuto uno se querían puntuar nun campo tan complicado. A iso sumábaselle a presenza no equipo contrario de xogadoras como Eva Deus ou Patri, que nun principio non ían xogar pero finalmente chegaron a tempo despois de ir co primeiro equipo a disputar o partido de Liga Iberdrola ante o Valencia CF.
Con moita intensidade e con ganas de facerse cos tres puntos saltaron os dous equipos ao terreo de xogo. Golpearon primeiro as locais a balón parado. Sara botou unha falta lateral directa que se coou na portería do Interrías e abriu o marcador. Aínda que houbo algunha xogada illada para os dous conxuntos antes de chegar ao descanso, o marcador non se moveu ata a segunda metade.
Cambiou a formulación Luís Treviño tras o paso polos vestiarios, poñendo a dúas xogadoras de carrileras para reforzar as xogadas de contragolpe. Da mesma maneira que chegou o gol do Dépor, chegou o do Interrías. Balo, lanzou unha falta que buscaba a Connie pero ninguén a tocou e coouse na portería dunha Jessica que quedou estática e viu como o balón se coaba no segundo pau.
A partir de aí, ambos os equipos seguiron apertando en busca do gol que lle dese a vitoria. A intensidade traduciuse en tarxetas amarelas pero non en goles e finalmente o encontro concluíu nun xusto empate a 1.
Relacionadas:
-
O Interrías vence o Victoria CF e é máis líder (1-3), e empate sen goles entre os pechacancelas Arousana e Valladares
Por Almu Dapena |
-
Sufrida vitoria do Viajes Interrías fronte o Sárdoma e empates da Arousana e do Umia
Por Almu Dapena |
-
Goleada do Viaxes Interrías no derbi ante o Arousana (5-0), e sorprendente vitoria do Umia fronte o Deportivo 'B' (4-1)
Por Almu Dapena |
-
O Umia vence o Atlético Arousana no derbi na Bouza (5-1) e o Interrías golea o Valladares (6-0)
Por Almu Dapena |
-
O Interrías vence ao Vitoria FC pola mínima (1-0), o Arousana cae goleado ante o Sárdoma (5-1) e o Umia perde na casa co Mos (0-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |