A Deputación incrementa nun 6% as partidas destinadas a subvencións deportivas
Por Redacción
"Este ano hai que estar cos clubs máis que nunca", defende o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez para explicar as axudas que o goberno da Deputación destinará ao longo de 2021 ao deporte.
En concreto esta partida increméntase nun 6%, pasando de 1.917.500 euros a 2.028.000 euros. Estas cantidades aumentan ata medio millón de euros máis ao sumar as subvencións destinadas a deportistas individuais e para a organización de actividades e eventos deportivos.
Ademais, tras reunirse telematicamente con máis dun cento de entidades da provincia "adiantámoslles o noso compromiso de axilizar a tramitación de todas as subvencións para que poidan cobrar en moi pouco tempo desde que presenten as xustificacións", explicou o deputado.
Dentro das diferentes convocatorias, a Deputación destaca tamén a garantía de igualdade no acceso ás axudas para o deporte feminino en todas as modalidades.
Nas reunións co responsable provincial de Deportes participaron por quendas ata 136 clubs, dos que 20 eran de balonmán e baloncesto, 24 de fútbol e fútbol sala, 11 de ciclismo, 27 de piragüismo e 25 equipos de vela e remo. Finalmente, celebrouse a reunión cos 14 clubs de elite e cos 15 clubs doutras modalidades que compiten en ámbito nacional: dous de atletismo, un de bádminton, un de béisbol, un de bolos, un de orientación, un de rugby, un de voleibol, dous de ximnasia rítmica, dous de natación e un de taekwondo.
Gómez explicou que os clubs de elite xa están en disposición de presentar as xustificacións documentais das axudas e cobrarán "canto antes" e nun único ingreso, cunha partida de 678.000 euros destinada para esta liña de subvencións (5,5% máis que o ano pasado).
En canto ás subvencións para clubs de categorías nacional, precisan de convocatoria, coa intención de anticipalas con respecto á publicación habitual (ao redor de finais de marzo). A Deputación reserva este ano 850.000 euros para esta liña (un 9,7% máis). Ademais os deportes náuticos recibirán 500.000 euros.
O apoio da administración provincial complétase complétase cos 325.000 euros (25.000 máis que o ano anterior) das bolsas DepoDan e DepoPromesas para deportistas de elite e os 200.000 euros reservados para a organización de eventos.
Relacionadas:
-
Pontevedra aprobará o luns axudas de 500.000 euros aos clubes deportivos
Por Redacción |
-
A Deputación aproba unha partida de máis 130.000 euros para colaborar cos clubs en actividades deportivas
Por Redacción |
-
A Deputación, a través do seu Plan Estratéxico do Deporte, acondicionou 88 campos de fútbol
Por Redacción |
-
A Deputación destinará 1,2 millóns de euros a 132 clubs da provincia
Por Redacción |