Competición fixa o partido aprazado entre Pontevedra e Guijuelo para o mércores 10 de febreiro
Por Diego Espiño
Por fin hai data para o partido aprazado entre Pontevedra Club de Fútbol e Club Deportivo Guijuelo, suspendido no seu día debido ao temporal de neve que arrasou a Península e que dificultada o desprazamento do conxunto castelán-leonés.
O duelo debía terse celebrado o pasado 10 de xaneiro no Estadio Municipal de Pasarón, pero finalmente terá lugar o vindeiro mércores 10 de febreiro (17.00 horas), segundo confirmou este venres o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol.
A nova data para este partido, correspondente á última xornada da primeira volta da liga, converteuse nun pequeno culebrón ante a falta de acordo entre clubs, primeiro, e o gromo de covid que afectou o Guijuelo días despois, e que tamén obrigou a pospoñer as súas seguintes xornadas fronte a Celta B e Zamora.
De feito o conxunto chacineiro non puido regresar aos adestramentos ata esta mesma semana, unha vez que o plantel tras estar varios días illado someteuse a unha rolda de probas PCR con resultado negativo fóra da realizada a un xogador, que segue en corentena.
Ao recuperarse esta xornada antes de que conclúa o prazo inicial dado pola Xunta para as actuais restricións que imperan en Galicia, o encontro deberá disputarse a porta pechada, tendo lugar para o Pontevedra entre a visita do Zamora a Pasarón (7 de febreiro) e o choque a domicilio fronte ao Salamanca CF UDS (14 de febreiro).
Relacionadas:
-
Un exgranate debutará o mércores no banco do Guijuelo en Pasarón
Por Manu Otero |
-
Sen data para o partido aprazado tras decretar Sanidade o confinamento domiciliario do Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
Un gromo de Covid no Guijuelo mantén no aire a data do partido aprazado fronte ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Malestar no Pontevedra ante o silencio da RFEF, mentres o Guijuelo propón o mércores 20 para xogar en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
A data do Pontevedra-Guijuelo, nas mans da RFEF
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra solicita xogar este mércores o partido aprazado co Guijuelo
Por Redacción |
-
O temporal de neve obriga a suspender o partido entre o Pontevedra e o Guijuelo
Por Almu Dapena |