O Nacional en Pista Cuberta máis rifado dos últimos anos, primeiro gran reto de 2021 para Jean Marie Okutu
Por Redacción
Nunha tempada na que as oportunidades de competir, medirse e buscar marcas é menor do habitual, cada cita conta, e a que vén é das importantes no calendario atlético.
As instalacións atléticas de Gallur, en Madrid, serán escenario desde este venres 19 e ata o domingo 21 de febreiro do Campionato de España en Pista Cuberta, unha cita con restricións de participación na que tomarán parte 301 atletas.
Entre eles o máximo representante local será o marinense Jean Marie Okutu no salto de lonxitude, mirando de esguello cara ao obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokyo.
Okutu buscará en Madrid, na matinal do domingo 21, o que sería o seu sexto título nacional baixo teito defendendo a coroa lograda hai un ano en Ourense, aínda que para logralo deberá superar unha competencia no concurso a priori máis rifado dos últimos anos.
O marinense do FC Barcelona chega á competición acreditando unha marca de 7.77 metros esta tempada no Campionato de España de Clubs, a 3 centímetros do líder do ano, Daniel Solís. Ademais nas pistas de Gallur tamén estará o actual campión nacional ao aire libre, Javier Cobián (7.65), e o que foi o seu gran rival durante os últimos anos, Eusebio Cáceres, que volve competir tras un ano de parón.
Ademais do título no horizonte de todos eles un rexistro, os 8.22 metros fixados como mínima olímpica e que supoñerían no caso de Okutu superar a súa mellor marca de sempre, o 8.17 metros que lle valeron para clasificarse para Río 2016.
Relacionadas:
-
Bronce para o marinense Jean Marie Okutu no Nacional en Pista Cuberta
Por Redacción |
-
Atletismo de alto nivel e moitas máscaras na festa da Peregrina
Por Redacción |
-
Okutu, Hurtado, Casañas e Andrea González, nominados a atletas galegos do ano
Por Manu Otero |
-
Jean Marie Okutu, undécimo título nacional de lonxitude para encherse de moral ante o reto olímpico
Por Diego Espiño |