Aprazada ao 27 de xuño unha proba da Copa de España feminina de ciclismo en Pontevedra
Por Redacción
Os poucos eventos deportivos que tiña programados Pontevedra para os primeiros meses do ano seguen aprazándose pola situación sanitaria. Primeiro foi a xornada da Liga Nacional de Karate prevista para este mes de febreiro e agora unha carreira da Copa de España Féminas, de ciclismo en estrada.
Tal e como anunciou este luns o Concello de Pontevedra, esta proba que se estreaba no calendario nacional e que estaba prevista para o próximo 21 de marzo foi finalmente recolocada no domingo 26 de xuño.
"Os datos epidemiolóxicos e o avance da vacinación fannos ter fe en que esta competición tan atractiva para deportistas e seguidores, que discorrerá polas avenidas de Marín e As Corvaceiras, atope na última fin de semana de xuño as condicións para poder desenvolverse", sinalou respecto diso o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Segundo o edil trabállase conxuntamente coa Federación Galega de Ciclismo "na definición dos trazados dos circuítos e dos horarios das distintas probas do evento", que contará con carreiras para as categorías cadete, júnior, máster e elite/ sub23.
Tras o cambio de data, a Copa de España Féminas de Pontevedra pasa a ser a penúltima proba puntuable da competición.