A Xunta autoriza o regreso de espectadores a estadios e pavillóns, cun máximo de 500 persoas ao aire libre
Por Diego Espiño
Un mes despois da prohibición, a Xunta de Galicia levantou o veto á presenza de público nas bancadas de estadios e pavillóns durante a celebración de eventos deportivos.
Así se establece na nova normativa publicada durante a tarde do xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que entra en vigor este venres 26 de febreiro.
Na mesma, no que respecta a a celebración de competicións deportivas con público, equipárase a norma a cinemas, teatros, auditorios, congresos e outros eventos.
En concreto poderán desenvolverse "sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público sempre que este permaneza sentado, e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros nas catro direccións entre os asistentes, salvo que trate de persoas conviventes", sinala o DOG.
Todo iso "cun límite máximo de 250 persoas para lugares pechados e de 500 persoas se se trata de actividades ao aire libre".
Ademais, entre outras cuestións, o Diario Oficial de Galicia lembra as medidas de prevención e seguridade que serán necesarias para permitir a entrada de público e así como as obrigacións da entidade organizadora do evento, tales como a creación dun rexistro de asistentes cos seus datos de contacto que se debe conservar ata un mes despois do día de celebración.