Convocada a Xunta de Accionistas do Pontevedra, na que Lupe Murillo debe renovar o seu asento no Consello
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol convocou para o próximo mes de abril a súa Xunta Xeral de Accionistas, atrasada máis do habitual no tempo debido ás restricións derivadas da pandemia.
En concreto a entidade pontevedresa, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE), convoca aos seus accionistas a unha reunión Ordinaria e a outra Extraordinaria, que terán lugar en ambos os casos o vindeiro luns 12 de abril no Pazo da Cultura ás 17.00 horas, en primeira convocatoria.
En primeiro lugar celebrarase a Xunta Xeral Ordinaria, na que se expoñerá o resultado do exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2020, así como o exame e aprobación do nomeamento dun auditor de contas para o exercicio que se pechará ao 30 de xuño de 2021. Por último expoñerase para a súa aprobación o orzamento para a tempada en curso, 2020/2021, ademais dos rogos e preguntas habituais.
Pola súa banda o punto principal da convocatoria Extraordinaria que se celebrará a continuación afecta directamente á actual presidenta do club, Lupe Murillo. No primeiro punto da orde do día figura a "elección de conselleiro para cubrir vacante por expiración de mandato".
Ese asente a cubrir no Consello de Administración é o da propia presidenta, unha vez concluído o seu anterior mandato no último exercicio, tendo en conta que do resto de conselleiros oito foron elixidos na anterior xunta de accionistas por 5 anos e Luís Durán foi reelixido en 2018 polo mesmo período de tempo.
Trátase en todo caso dunha formalidade, xa que ao ter do seu lado á maioría do Consello, espérase que a súa renovación no cargo.