A visita a Guijuelo, oportunidade para o Pontevedra de empezar a segunda fase con marxe sobre o descenso
Por Diego Espiño
A última xornada da primeira fase da liga na Segunda División B está moi lonxe do que imaxinaba hai unhas semanas o Pontevedra, abocado xa á liguiña pola permanencia na categoría para pasar a formar parte a próxima campaña da Segunda RFEF, o cuarto chanzo do balompé nacional.
Con todo o que si será o último compromiso da primeira parte da liga é moi importante para os granates, e é que conseguir tres puntos este domingo 28 de marzo (12.00 horas) en casa do pechacancelas Guijuelo supoñería empezar a segunda fase cun colchón de puntos sobre o descenso, como mínimo de tres puntos sobre o terceiro do grupo en función dos resultados, aliviando así a presión inicial do equipo.
Cabe lembrar que dos oito equipos que compoñerán o grupo pola permanencia, cinco baixarán a Terceira de maneira directa e tamén o fará o peor sexto de todos os grupos, polo que só os dous mellores estarán fóra de perigo. Agora mesmo, o Pontevedra é o equipo mellor colocado con 21 puntos do mesmo xeito que o Oviedo B, polos 20 do Coruxo e Lealtad, os 18 do Salamanca, os 16 do Sporting B, os 14 do Covadonga e os 9 do Guijuelo, coa particularidade de que os equipos asturianos xa concluíron a primeira fase no Subgrupo 1-B e non poderán sumar esta fin de semana.
Precisamente o próximo rival do Pontevedra pecha a clasificación e parece case sentenciado, pero non se fían na entidade de Pasarón porque "o Guijuelo quedou marcado polo tema do coronavirus pero sempre dixen que tiñan un plantel para loitar polos postos de arriba, porque é certo que futbolista por futbolista para min ten un equipazo", recoñece Luisito.
O técnico ademais lembra que "en Guijuelo a min xa me pasou de todo", como na súa última visita como técnico granate, cando terminou vendo como cedía un empate no desconto tras comezar 0-3. "Ese partido o teño moi gravado", asegura.
"Foi a primeira vez na miña vida que a un equipo meu nos levantan un 0-3, pero se en algún campo che poden levantar eso é aí, porque esos campos (hierba sintética) dan para moito, o balón parado é dificilísimo de defender, as segundas xogadas son dificilísimas de defender", explica Luisito sobre o que se van a atopar o domingo.
Aínda por riba como advertencia "o outro día foron con dificultades e sete baixas a Ferrol e non mereceron perder", avisa o preparador de Teo, que ve aos seus "mentalizados" co que se van a atopar e con traer de volta a Galicia os tres puntos en xogo.
Ademais de Romay, os granates viaxarán a Salamanca sen Borja Martínez, lesionado nun nocello.
O choque será arbitrado polo colexiado vasco Gorka Etayo Herrera.
Relacionadas:
-
Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño |
-
Luisito, disposto a seguir a próxima temporada: "Se a presidenta o Consello están contentos xa saben a miña resposta"
Por Diego Espiño |
-
Racing, Hércules, Córdoba, Mérida, Recreativo ou Real Murcia. Outros grandes nomes ausentes da Primeira RFEF
Por Diego Espiño |
-
O fútbol profesional, un chanzo máis lonxe para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luisito recoñece que o Pontevedra ten "menos puntos dos que mereceu" e só pensa en "traballar e ser fortes mentalmente"
Por Almu Dapena |
-
Rufo asume a loita pola permanencia e márcase acabar primeiros na seguinte fase como obxectivo
Por Manu Otero |