O Bádminton Ravachol sae do descenso coa súa vitoria fronte ao Benalmádena
Por Redacción
Importante vitoria a conseguida a fin de semana polo Bádminton Ravachol Pontevedra para reforzar a súa candidatura á permanencia na División de Honra.
Os pontevedreses recibían o Benalmádena no Pavillón Multiusos da Xunqueira, ante a falta de dispoñibilidade do CGTD e o Municipal, pero non acusaron nin o cambio nin as baixas para sumar un triunfo que pode ser decisivo e que lle fai abandonar os postos de descenso.
"Con esta vitoria volvemos saír do descenso directo, pero a liga está incriblemente igualada, xa que o cuarto posto está a só 3 puntos", explica o adestrador do Ravachol, Jesús Pereiro.
O resultado foi dun contundente 6-1, que non reflicte a igualdade dos encontros.
O dobres mixto de Javier Sánchez e Elena Fernández deu o primeiro punto aos pontevedreses, e Manuel Brea e Javier Sánchez puxeron o 2-0 no dobres masculino. Recortou distancias o conxunto andaluz no dobles feminino, ao vencer Elena Lorenzo e Ainoa Cuervas ás locais Ania Setién e Elena Fernández, pero foi o único borrón.
Nos individuais Ana Carbón facíase coa vitoria pola vía rápida ante a nova Candela Antequera (21-10, 21-10) mentres que Gabriel Fernández superaba a Fernando Mateo (21-13 27-25) para garantir o triunfo do Ravachol.
Xa cos puntos no peto, saltaban á pista Ania Setién e Manuel Brea. Setién venceu a Lucía Galvin con relativa comodidade (21-8, 21-13), mentres que Brea completaba o partido máis igualado da xornada ante Ernesto Baschwitz (21-18, 14-21, 21-15).
"Estou tremendamente satisfeito co rendemento de todo o equipo. As cousas saíron moi ben, polo resultado e polo xogo demostrado por todos, coa parte negativa da lesión de Elena, que esperemos non sexa grave e se poida recuperar canto antes", sinalou Pereiro afirmando que "o tramo final da liga vai ser de auténtico infarto, temos que seguir facéndonos fortes nos partidos de casa e ver se podemos dar algunha sorpresa contra algún rival da parte alta. Aínda nos queda moito por facer se queremos manter a categoría".
Relacionadas:
-
O Bádminton Ravachol descende á última posición tras caer ante o Arjonilla (3-4)
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Javier Sánchez, do CB Ravachol, leva o ouro no dobres do máster nacional absoluto
Por Redacción |
-
O Ravachol recoloca o seu desprazamento a Eivissa para o 26 de abril fuxindo da Semana Santa
Por Redacción |
-
O Multiusos da Xunqueira, terceira 'casa' no que vai de tempada para o Bádminton Ravachol
Por Redacción |
-
Derrota do Ravachol por 7-0 ante o Oviedo, líder invicto
Por Redacción |
-
Trascendental vitoria do Ravachol para saltar dos postos de descenso
Por Redacción |