Álex González ve "primordial" empezar ben a segunda fase pero avisa: "Só cos puntos de Pasarón non serve"
Por Diego Espiño
Desde o autocrítica pero coa certeza de que baixar os brazos non é unha opción polo menos ata asegurar a presenza do Pontevedra na Segunda RFEF, Álex González valora o inicio da segunda fase do campionato, na que o club granate pelexará só pola permanencia e por non caer un segundo chanzo ata a quinta categoría do fútbol nacional.
O capitán do primeiro plantel recoñece que "loxicamente estamos decepcionados por non lograr o obxectivo", pero pide neste momento "mentalizarnos" para loitar pola nova meta "porque senón pode ser un desastre moito maior".
"Cando chegas a esta situación ao final é que fallaron moitas cousas, eu podo falar dos xogadores. Obviamente penso que temos máis nivel que para estar onde estamos pero quizais non o soubemos demostrar con vitorias e con puntos, e ao final a realidade é que estamos onde estamos", explica o extremo.
O actual formato da Segunda B non ofrece un momento de respiro para lamentacións, e a liguiña pola permanencia iníciase xa en poucos días co Covadonga como primeiro rival e oito xornadas por diante, todas elas ante conxunto asturianos.
"O único positivo é que estamos na parte alta do grupo. Creo que vai ser un grupo competido porque penso que a Segunda B é así, que calquera equipo como baixes un pouco pódeche gañar. Temos que facernos fortes, empezar a sumar e demostrar o que valemos", defende González.
Para o futbolista granate "é primordial empezar gañando porque metes distancia e velo doutra maneira", aínda que avisa que "só cos puntos de Pasarón non serve".
Na súa análise o capitán do Pontevedra pide fixarse na imaxe dos partidos ante Guijuelo e Compostela na casa, a pesar de que os resultados non acompañasen, porque "creo que no nivel de xogo e ocasións o equipo estivo moi ben. É o camiño que debemos seguir", evitando fallos de concentración xa que "15 minutos malos pódenche condenar".
En canto ao rival, o recentemente ascendido Covadonga, "é xente que subiu de Terceira, xoga con moita ilusión, con ganas, sen nada que perder e iso pode ser complicado", avanza o 7, optimista en canto ás posibilidades de comezar a segunda fase cunha vitoria que faga recuperar sensacións e achegue unha dose de tranquilidade.
Relacionadas:
-
Jorge Fernández retírase lesionado do adestramento e será baixa en Xixón
Por Diego Espiño |
-
O horario matinal volve cruzarse co Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Intento de resurrección do Pontevedra, que gaña pero non esmaga (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Covadonga, un equipo de barrio e debutante na Segunda B que quere agarrarse á categoría
Por Diego Espiño |
-
As tarxetas amarelas, unha ameaza para o Pontevedra no inicio da segunda fase
Por Diego Espiño |
-
Covadonga, primeiro rival do Pontevedra na fase pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño |