O Pontevedra xuvenil inicia a segunda fase da liga en postos de ascenso a División de Honra
Por Redacción
A pesar da súa inesperada derrota na última xornada da primeira fase da liga Nacional na casa do EF Lalín (2-0), o equipo xuvenil do Pontevedra Club de Fútbol iniciará a segunda parte da tempada nunha situación privilexiada.
O equipo que adestran Baptiste e Juan Carlos Argibay quedou encadrado no grupo que pelexará polo ascenso, comezando o mesmo ocupando a segunda e última das prazas que supoñerían o salto de categoría ata a División de Honra.
En concreto, os dous primeiros equipos da táboa son os filiais do RC Deportivo (52 puntos) e Celta de Vigo (46 puntos), pero ambos os dous coa imposibilidade de subir á máxima categoría do fútbol xuvenil. Por iso os postos de honra son de momento para o terceiro en discordia, o Compostela (40 puntos) e o Pontevedra (35 puntos).
Os granates parten na recta final da tempada con 3 puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, o Coruxo (32), seguíndolles Areosa (28), Alondras (27), Racing Club Villalbés (26), Arosa (26) e ED Val Miñor (26).
Na segunda fase o Pontevedra medirase aos equipos procedentes do subgrupo contrario e só en partido de ida, polo que por diante só restarán cinco xornadas para defender a súa posición de privilexio.
O primeiro dos encontros terá lugar o 18 de abril na casa fronte ao Areosa, tendo despois que xogar por esta orde fronte a Coruxo fóra, Celta B na casa, Val Miñor a domicilio e Alondras de novo como local, na última xornada prevista para o 16 de maio.