Luisito, preocupado polo partido contra o Covadonga: "Eles non xogan coa mesma presión que podemos ter nós"
Por Almu Dapena
A permanencia en Segunda B para o Pontevedra CF pasa por vencer ao Covadonga este domingo no Estadio Municipal de Pasarón. Luisito non quere sorpresas. Aínda que os asturianos chegan á fase como pechacancelas, "hai que terlle moito respeto se queremos ganar.". "É un equipo que sabe o que fai" e que protagonizou algunha que outra sorpresa durante a primeira fase empatando en Burgos cando perdía 2-0, gañando á Cultural Leonesa ou empatando en Xixón despois de ir 3-1.
Ao técnico granate preocúpalle "con tódolos respectos para o Covadonga, que eles non xogan coa mesma presión que podemos ter nós", e recoñece que o Pontevedra ten que "demostrar" que é "un equipo gañador e con nivel".
Consciente do que supón o partido do domingo, o de Teo pide ós xogadores "valentía e confianza". "O equipo ten que estar ben, agachar a cabeza e pelexar os 90 minutos" e insiste en que a única maneira de conseguir o obxectivo é que os futbolistas sexan "valentes e se erran volvan intentalo".
Tamén teñen que ser "fortes mentalmente" e teñen que pensar que "están facendo o que lles gusta. O futbolista que xoga presionado é o primeiro candidato ao fracaso", analiza Luisito.
En canto á derrota contra o Guijuelo, o técnico granate recoñeceu estar "enfadado porque fixemos o máis difícil. Encaixamos un gol por un erro humano que nos costou o partido. Non contaba con perder tal e como estaba transcurrindo a segunda parte. Agora hai que apartarse diso e pensar nesta fase que van ser oito partidos tremendos".
Neste sentido, Luisito non quere falar da tempada que fixo o Pontevedra antes de chegar el. "Eu solo falo dos partidos que levo dirixidos. Non son quen de opinar que este equipo ten que estar arriba". Agora, a realidade "é que temos que pelexar para salvar a categoría", rematou.
Relacionadas:
-
Intento de resurrección do Pontevedra, que gaña pero non esmaga (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
As tarxetas amarelas, unha ameaza para o Pontevedra no inicio da segunda fase
Por Diego Espiño |
-
Covadonga, primeiro rival do Pontevedra na fase pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño |