Intento de resurrección do Pontevedra, que gaña pero non esmaga (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O Pontevedra inicia a segunda fase da competición, na que loitará por evitar o descenso á 3ªRFEF, cunha sufrida vitoria diante do Covadonga. Os de Luisito volveron exhibir a súa fatal falta de pegada que tanto lastrou ao equipo esta campaña e ante a incapacidade para golear a un rival moi inferior acabaron sufrindo aínda que puideron amarrar os tres puntos que manteñen aos granates como líderes do seu grupo.
Os locais comezaron o encontro da mellor maneira posible. Apropiáronse do balón e xeraron infinidade de ocasións. O rival, pola súa banda, saíu amedrentado ao céspede pontevedrés e tardou máis de media hora en demostrar por que chegaron a Segunda B. E cando reaccionaron xa era tarde porque dous lanzamentos afastados de Damiá Sabater, ademais dun bo puñado de ocasións desperdiciadas, daban ao Pontevedra unha vantaxe practicamente insalvable.
Cun inicio de partido tan plácido, os preto de mil espectadores que acudiron a Pasarón neste caloroso domingo de Resurreción, fregábanse as mans para gozar, dunha vez por todas, dun festín goleador dos seus. Pero nin diante do equipo máis goleado da categoría foron capaces os granates de converter en goles as súas incontables oportunidades.
A primeira chegou cando aínda non se cumpriu o primeiro minuto de xogo. Jorge centrou desde o dereita pero Eneko non chegou a rematar no segundo pau. Cinco minutos máis tarde, de novo o extremo asturiano foi protagonista ao cazar un rexeite na área e estrelar o balón no lateral da rede. E á tarcera foi a vencida, Charles conduciu o ataque recortou dentro da área e deixou un balón manso nas botas de Damiá, cuxo disparo rebotó nun rival e acabou aloxándose no fondo da rede.
Estaba moi cómodo o Pontevedra e o ballón de chegadas non cesaba. Adrián Cruz tentouno cunha falta directa que saíu rozando o poste e, ao cuarto de hora, sacou outra vez o seu fusil Damiá para disparar desde 30 metros e coar o esférico pola escuadra da portería defendida por Aitor.
Cun dominio tan abafador e unha vantaxe tan cómoda, o Pontevedra, en lugar de castigar ao seu rival para resarcirse dunha campaña tan mala, deu un paso atrás. Os espazos que deixaba o Covadonga en defensa convidaban os contragolpes e a iso apostou todo o equipo de Luisito que, inconscientemente, acabou encerrándose no seu propio campo.
De non ser por Álvaro Cortés, que salvou un man a man cando os visitantes xa cheiraban o gol, a vantaxe reduciuse moito antes. De feito, os asturianos pediron penalti nunha acción entre Churre e Edu Font. Foi o central marinense o que cometeu a falta despois de tragarse o recorte dun contrario que acabaría no tanto do Covadonga, que transformou Jaime Álvarez cun lanzamento ao pau do porteiro que rebotó nun granate e despistou a Cortés.
Cinco minutos antes o asistente sinalara fóra de xogo nun remate de cabeza de Charles a centro de Álex González, que supoñería o terceiro tanto para os locais. Unha decisión moi discutida pola bancada.
Xa na segunda parte, o Pontevedra foi incapaz de corrixir esa preocupante tendencia a perder o control do partido. Aínda así, os granates seguían acumulando ocasións. En cinco minutos máxicos, Adrián Cruz tivo ata tres ocasiones claras de anotar un gol. Primeiro cun lanzamento desde o seu propio campo que saíu por encima do traveseiro, logo cun disparo raso desde fóra da área que atallou Aitor e que Rufo, ao rexeite, non logrou empuxar á rede; e finalmente cun cabezazo á saída dun corner que outra vez Aitor acertou a despexar milagrosamente.
O Covadonga, mentres tanto, tentábao con máis ganas que ideas fiando todo á forza dos seus atacantes e colgar balóns á área. Non inquietou moito ao Pontevedra, que estaba máis atenazado polos seus propios pantasmas que polo medo que lle daba o rival.
Aínda así, os de Luisito seguían lanzando contragolpes. Case todos comandados por un inesgotable Álex González. Das súas botas saíu unha asistencia a Rufo que o madrileño estrelou no pau despois de encarar ao porteiro e tamén outro pase a Oier Calvillo que, con todo ao seu favor, enviou o balón fóra.
Gañou o Pontevedra e amplía a vantaxe cos seus rivais da zona baixa da táboa, pero é un triunfo amargo porque o fútbol dos granates segue aínda sen resucitar.
PONTEVEDRA CF (2): Álvaro Cortés, Santi Figueroa (Aitor Núñez, min 87), Churre, Xisco Campos, Zabaleta, Damiá Sabater, Adrián Cruz (Borja Martínez, min. 74), Jorge Fernández (Oier Calvillo, min. 45), Álex González, Charles (Martín Diz, min. 81), Rufo.
COVADONGA (1): Aitor Rodríguez, Manu Blanco, Aitor Ferrero (Alfonso Artabe, min. 62), Aitor Elena, Michel Secades (Sergio Ríos, min. 70), Jaime Álvarez, Edu Font, David González (José Luís, González), Javi Martón (Diego García, min. 67), Pablo Naredo, Manuel Pozo
Árbitro: Gonzalo Saiz Pérez, auxiliado nas bandas por Álvarez Borboya e Bolado Palencia (Cantabria). Amoestou a Churre, polo Pontevedra; e a Michel Secades e Aitor Ferrero, polo Covadonga.
Goles: 1-0, min.8, Damiá Sabater. 2-0, min. 14, Damiá Sabater. 2-1, min.35, Jaime Álvarez.
Incidencias: Partido da xornada 19 de liga do grupo pola permanencia na 2ªRFEF da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón.
Relacionadas:
-
O Covadonga, un equipo modesto pero "temible a nivel ofensivo"
Por Almu Dapena |
-
Valioso empate do Pontevedra fronte ao Sporting B nun partido gris (1-1)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra visita o Sporting B sobre aviso: "Para gañar en Xixón temos que facer as cousas moito mellor"
Por Diego Espiño |
-
Jorge Fernández retírase lesionado do adestramento e será baixa en Xixón
Por Diego Espiño |
-
O horario matinal volve cruzarse co Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luisito, preocupado polo partido contra o Covadonga: "Eles non xogan coa mesma presión que podemos ter nós"
Por Almu Dapena |
-
Álex González ve "primordial" empezar ben a segunda fase pero avisa: "Só cos puntos de Pasarón non serve"
Por Diego Espiño |
-
As tarxetas amarelas, unha ameaza para o Pontevedra no inicio da segunda fase
Por Diego Espiño |
-
Covadonga, primeiro rival do Pontevedra na fase pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño |