O marinense Hugo Mallo fai historia no Celta como o seu segundo xogador con máis partidos oficiais
Por Redacción
Hugo Mallo segue facendo historia no Real Club Celta. O futbolista marinense é dos poucos xogadores que aspiran no fútbol actual á etiqueta de 'One Club Man', é dicir, a completar toda a súa carreira deportiva defendendo a mesma camiseta.
No caso de Mallo, que debutou no primeiro equipo celeste con 18 anos na tempada 2009/2010, en Segunda División, esa longa traxectoria fíxolle derrubar unha nova barreira na recente xornada de liga.
Ante o Alavés, este domingo 4 de abril, o lateral dereito igualou a Atilano como segundo xogador con máis partidos oficiais ás súas costas co Celta, un total de 392. Por diante del só queda un mito do club vigués como o histórico capitán Manolo, que disputou 533 encontros oficiais. O propio club lembrou nas súas redes a efeméride dun home que xa forma parte da historia da entidade.
— RC Celta (@RCCelta) April 4, 2021
Hugo Mallo iguala a Atilano como segundo xogador con máis partidos oficiais no RC Celta. E os que quedan!
Parabéns, capitán!#ONosoCapitán #SempreCelta pic.twitter.com/TZgjxwS30F
De feito Hugo Mallo, formado desde o seu segundo ano de infantil no Celta tras pasar polo Salgueiriños e polo Pontevedra CF, é xa o futbolista con máis partidos en Primeira División co Celta, tras superar esta mesma tempada o ruso Aleksandr Mostovói (235) na que é a súa novena tempada consecutiva na máxima categoría. En todas elas foi peza importante para os seus adestradores.
O mellor de todo é que o marinense, a piques de alcanzar a trintena, ten aínda uns anos de carreira por diante para derrubar o último muro que queda antes de converterse en todo un mito para o seu club.