Lupe Murillo pide un esforzo aos futbolistas "polas cores, pola afección e por quen os trouxo aquí"
Por Diego Espiño
A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, foi recibida este xoves na Deputación de Pontevedra, institución que é a patrocinadora principal do equipo e que mantén o seu apoio, traducido nunha achega de 160.000 euros.
Na recepción, na que estiveron presentes a presidenta provincial Carmela Silva xunto ao deputado Gorka Gómez e ao conselleiro económico do club Enrique Mariño, a dirixente granate recoñeceu que "non estou no mellor momento de ánimo e contenta co que estamos a facer", sinalou con respecto á situación deportiva.
Murillo, iso si, prefire esperar ao final de curso para sacar conclusións: "Xa dixen que farei unha avaliación a final de tempada e falarei o que teña que falar", confirmou.
Mentres tanto a presidenta do consello de administración do Pontevedra pediu un último esforzo ao plantel. "Teñen que dalo todo polas cores, pola afección e por quen lles trouxo aquí", afirmou sinalando que o futuro deportivo do equipo "está nas súas mans, depende deles".
Por outra banda, aludindo á situación de pandemia que complicou e moito a obtención de recursos ás entidades deportivas, Lupe Murillo mantén que "tentaremos que non teña unha repercusión importante no económico".
Na súa intervención a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo a intención da administración provincial de seguir apoiando ao club granate. "Creo que as administracións temos que apostar por estes clubs, porque son signos de identidade", defendeu Silva sobre en relación a un Pontevedra que "é un equipo que se fai querer".
Relacionadas:
-
Valioso empate do Pontevedra fronte ao Sporting B nun partido gris (1-1)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra visita o Sporting B sobre aviso: "Para gañar en Xixón temos que facer as cousas moito mellor"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recibe unha subvención de 160.000 euros da Deputación
Por Redacción |