Valioso empate do Pontevedra fronte ao Sporting B nun partido gris (1-1)
Por Diego Espiño
Xornada gris, como o día chuvioso que lles recibiu en Asturias, para un Pontevedra Club de Fútbol que perde a oportunidade de despegarse da zona de decenso a Terceira RFEF, pero que polo menos ao rascar un empate na cidade deportiva de Mareo ante o Real Sporting B mantén a distancia sobre os seus perseguidores.
Luisito apenas variou o once que se impuxo unha semana antes ao Covadonga pero si introduxo modificacións no esquema, dando entrada soamente a Imanol polo lesionado Jorge Fernández e situando a Charles no costado destro e a Damià por detrás da punta de ataque. Fronte aos granates, vestidos nesta ocasión de celeste, atopábase un equipo xixonés con apuros clasificatorios pero reforzado con varios homes fixos xa na dinámica do primeiro equipo, aproveitando que o conxunto de Segunda División xogara xa o venres.
Pode que empuxados por ese reforzo os locais comezaron o choque cunha maior intensidade e facéndose co control do balón nos primeiros instantes. De feito tardaron só 2 minutos en dar un serio aviso aos pontevedreses, cun taconazo de Gaspar para habilitar a Lucas dentro da área, pero por fortuna o 21 do Sporting cruzou en exceso e o seu disparo foise fóra. Tamén o probou Koné, cun disparo duro pero centrado repelido por Álvaro con algunha dificultade.
Co paso dos minutos, aínda que sen chegar a estar cómodo sobre o verde, o Pontevedra empezou a serenarse. Pechou a vía de chegada dos asturianos e encadeando algunha posesión longa empezou a gañar metros, iso si, sen profundidade.
Todo puido cambiar no minuto 17, nun enviou desde a esquerda ao segundo pau. Charles adiantouse ao seu defensor caendo ao chan. O árbitro facía soar o seu pito, aínda que non o fixo para conceder penalti, senón para amoestar ao brasileiro. Non só se esfumaba a opción de ataque, senón que a tarxeta era a quinta, carrexando sanción.
O duelo igualouse, e as ocasións brillaban pola súa ausencia. Só nun saque de esquina Pelayo estivo preto de poñer o 1-0 para o Sporting pasada a media hora. O seu remate no primeiro pau foise alto.
O partido, por fases tedioso e moi disputado, parecía encamiñado á táboas ao descanso, ata que nun dicir amén o panorama deu un envorco. O Pontevedra foi presionar un saque de banda e o filial non só saíu ben da presión, senón que sacou unha rápida contra polo costado zurdo. Lucas viu a chegada de Koné pola banda contraria e este, con frialdade, controlou e bateu por baixo a Álvaro. Faltaban só 3 segundos para o 45. Unha vez máis esta tempada, e van... tocaba remontar na segunda metade.
Ao contrario que noutras ocasións, a reacción chegou nada máis renovarse o choque. Transcorreran tres minutos de xogo cando Charles gañaba un balón longo, tentaba sortear a Pablo García e o coiro rebotaba na man do defensor. Penalti que o brasileiro non desaproveitaba para devolver as táboas ao marcador.
Pareceu abrirse entón o duelo, e tardaron pouco os de Luisito en volver achegarse con perigo. Álex González gañou a liña de fondo cedendo para a chegada de Zabaleta, que disparou alto.
Respondeu o Sporting cun disparo afastado de Gaspar atallado por Álvaro Cortés, un toma e daca que tería unha nova parada, a mellor opción que tivo o Pontevedra para levar os tres puntos. Álex recortou cara o interior desde o seu posto de extremo zurdo poñendo un centro coa dereita pasado ao segundo pau, onde chegaba como un resorte Charles para rematar de cabeza ao bordo da área pequena, desviando o gardameta local coa cara.
Restaba case media hora de xogo, e o partido retrocedeu aos poucos de novo á fase de disputa na zona medular. O ritmo decaeu, e con el as opcións de levar a vitoria.
Co paso dos minutos e tras os cambios, os pontevedreses empezaron a conformarse co botín do empate, un punto que non perigou moito e que tras as táboas no duelo entre Lealtad e Coruxo tórnase máis valioso. A zona de descenso segue estando a tres puntos.
REAL SPORTING B (1): Christian Joel, Enol Coto, Pelayo Suárez, Zalaya, Iván Elena (César, min.58), Mateo, Gaspar, Mecerreyes (Pelayo Pérez, min.58), Pablo García (Diego Sánchez, min.82), Koné (Santamaría, min.82), Lucas (Oyón, min.74).
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Santi Figueroa, Churre, Xisco Campos, Eneko Zabaleta, Imanol, Adrián Cruz, Damià (Borja Martínez, min.70), Álex González, Charles (Oier Calvillo, min.85), Rufo.
Árbitro: Miguel Sesma Espinosa, auxiliado nas bandas por Domínguez Zapatero e Bárcenas Torres (A Rioxa). Amoestou a Pelayo, Oyón, Pelayo Pérez e ao técnico Sergio Sánchez no Sporting B e a Charles e Churre no Pontevedra.
Goles: 1-0 Koné, minuto 44; 1-1 Charles de penalti, minuto 49.
Incidencias: Partido da segunda xornada na fase pola permanencia na Segunda RFEF disputado na cidade deportiva de Mareo, en Xixón.
Relacionadas:
-
O Pontevedra, lento e desacertado, estrélase contra o muro do Lealtad (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Xornada de táboas e o Pontevedra segue líder no sprint por escapar da 3ª RFEF
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra visita o Sporting B sobre aviso: "Para gañar en Xixón temos que facer as cousas moito mellor"
Por Diego Espiño |
-
Jorge Fernández retírase lesionado do adestramento e será baixa en Xixón
Por Diego Espiño |
-
Lupe Murillo pide un esforzo aos futbolistas "polas cores, pola afección e por quen os trouxo aquí"
Por Diego Espiño |
-
O horario matinal volve cruzarse co Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Intento de resurrección do Pontevedra, que gaña pero non esmaga (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |