A precipitación e fraxilidade defensiva privan ao Cisne de loitar pola vitoria (26-34)
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Avultada derrota a sufrida polo Cisne no enfrontamento contra o Granollers, o último dos aprazados polo brote de Covid-19. Os brancos ofreceron un gran rendemento no inicio do partido, pero non souberon administrar a súa vantaxe. Remontou Granollers, con máis experiencia e mellor control do partido, que si soubo manexar a súa renda e sentenciar o encontro ao comezo do segundo tempo.
A pesar do pau, pode o cadro pontevedrés sacar conclusións positivas dun choque contra un dos clásicos da categoría. Ten extremos o Cisne, de calidade, da canteira e goleadores. Carlos Álvarez e Mateo Arias puxeron contra as cordas aos cataláns no inicio do partido. Tamén vai sobrado de corazón o cadro branco, pois co partido sentenciado tiraron de orgullo para reducir diferenzas e evitar unha sangría maior.
Pero non son argumentos suficientes para derrotar a un coloso como o Granollers, que soubo aproveitar a sua fortaleza física, así como a falta de solidez defensiva e as dúbidas na construción e finalización das xogadas exhibida polos de Jabato durante a maior parte dun partido no que nin Villamarín nin Prezado, que afán soster ao equipo nos momentos máis delicados, tiveron a súa mellor actuación.
O arranque da contenda non puido ser mellor para o cadro local. Repeleron o primeiro ataque visitante e, á contra, onde mellor se manexa o Cisne emerxeu Carlos Álvarez para facer o primeiro e logo o segundo. E no extremo oposto Mateo Arias seguiulle o ritmo con outro dobrete que situou aos brancos con tres goles de vantaxe nada máis comezar.
Logrou manterse en franquía o Cisne durante dez minutos. Antes de cumprirse o cuarto de hora, o cadro catalán tomou a dianteira no marcador e xa non a soltou ata o vocinazo final. Ademais un desfalecemento dos de Jabato en ataque permitiu aos cataláns afastarse no marcador ata os catro tantos, unha diferenza dificilmente salvable entre equipos con persoais e economías tan dispares como os que se deron cita este martes no Municipal.
Aínda así, os de Jabato reduciron a diferenza a tres tantos antes do final do primeiro tempo coa esperanza de volver dos vestiarios máis enchufados que o rival e equilibrar a loita. Nada máis lonxe da realidade, o Cisne saíu fallón do túnel e o Granollers castigouno. Sen piedade. Ata sacar ao Cisne do partido tanto por frustración como por esgotamento e ampliar a súa renda aos seis tantos.
Desde o banco Jabato trataba de arengar aos seus, pero a quince minutos para o final a xesta era xa impensable. Aínda así, os brancos puxéronse o mono de traballo, os prometedores extremos ingresaron de novo na cancha, o colchón adelgazou e a afección puido despedir aos seus cunha sonora ovación. Aplausos que non dan puntos pero premian o esforzo dun equipo que seguirá aferrándose mentres haxa vida a unha liga Asobal que castiga con dureza aos que perdoan.
Podes consultar nesta ligazón todas as estatísticas do partido
Relacionadas:
-
O Cisne cae con orgullo ante un Valladolid superior (25-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Atlético Valladolid visita o Municipal na primeira das seis finais que lle restan ao Cisne
Por Redacción |
-
Pequeno respiro para un Cisne que aspira a dar guerra no tramo final da tempada
Por Diego Espiño |
-
O Barça non da opcións ao Cisne (43-21)
Por Manu Otero |
-
O Cisne cede o seu extremo Jose Leiras ao Torrelavega ata final de tempada
Por Manu Otero |
-
O Cisne ponse ao día nunha nova final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
O Cisne rexorde das súas cinzas para superar con fartura o Guadalajara (29-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |