O waterpolo pontevedrés, no dique seco
Por Manu Otero
A liga galega de waterpolo comezou esta fin de semana pero entre os participantes non se atopa o CW Pontevedra. A pandemia atrasou o inicio da competición ata o mes de abril, pero foi a planificación por parte da Fegan e os complicados trámites necesarios para competir os que motivaron a baixa do conxunto lerezano.
"Queremos xogar, temos moitísimas ganas", recoñece Javi de Saa, director técnico do club. Con todo, a intención inicial de comezar a competir en xaneiro non era compartida pola directiva do club, que non o consideraba seguro dado o repunte de casos de covid-19 que se aveciñaba despois do Nadal. "Ao final aprazouse a abril, pero non reabriron o prazo e non puidemos inscribirnos", explica o adestrador, que xa ten asumido que o primeiro equipo do club non vai participar este ano na liga.
Tampouco o farán os equipos da base porque desde a Federacion Galega de Natación non se organizou a competición. Si que haberá, en cambio, campionatos de primavera para as categorías de formación. Todas menos xuvenís, algo que tampouco comprenden na cúpula pontevedresa.
O regreso dos equipos á competición está previsto para o inicio de verán, cando están programados campionatos autonómicos de diferentes categorías. "Na absoluta inscribiremos tamén ao equipo xuvenil", adianta de Saa, remiso a que o principal equipo da canteira se pase un ano en branco.
"Están a desexar xogar e pelexarse un pouco na auga", recoñece o preparador, quen pon en valor o compromiso de todos os xogadores que, a pesar de non poder adestrar con contacto e da falta de partidos, seguen acudindo a adestrar con regularidade tres días por semana.
Aínda que non está o CW Pontevedra, a competición autonómica segue adiante co resto de equipos e baixo un esixente protocolo encamiñado a minimizar os riscos de contagios por covid-19. Cada 14 días, todos os xogadores de cada un dos equipos deben someterse a un test de antíxenos, o que non o faga non poderá xogar.
Os gastos asúmeos ao 50 % a Fegan, mentres que a outra metade deberán pagalo os clubs con cargo a unha subvención prometida polo goberno autonómico. Aínda así, a necesidade de contar cun profesional que practique os test e os analice supón un esforzo económico e estrutural que no equipo pontevedrés non poderían asumir. Un motivo máis polo que este ano os rivais do cadro pontevedrés terán menos complicado conseguir o título de campión galego.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra volve competir quince meses despois
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra quere volver 'poñerse a 100'
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra vólvese apuntar ao 'teletraballo'
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra renuncia "temporalmente" a participar nas ligas galegas
Por Diego Espiño |
-
O Waterpolo Pontevedra asina un convenio coa Fundación Rías do Sur para adestrar na piscina olímpica
Por Redacción |