O Pontevedra, lento e desacertado, estrélase contra o muro do Lealtad (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O Pontevedra deixa escapar a vitoria en Pasarón fronte a un Lealtad moi defensivo que non inquietou en ningún momento a meta granate. Os locais, pola súa banda, non souberon mover o balón con velocidade para atopar gretas na muralla visitante. O punto serve para manter aos de Pasarón líderes, pero con só dous puntos de vantaxe sobre a zona de descenso, que agora marca o Salamanca.
Os granates tardaron en entrar nun partido que acabaron dominando pero sen xerar grandes ocasións de perigo. No primeiro tempo só unha ocasión de Damiá e un lanzamento afastado de Santi puideron abrir o marcador, mentres que no segundo tempo o Pontevedra foi máis dinámicos sobre todo pola entrada de Pitu, que disputaba os seus primeiros minutos ás ordes de Luisito e mostrouse moi participativo. Aínda que pisaron con maior frecuencia a área contraria, só contaron cunha ocasión clara para bater a Bussmann a través dun remate de cabeza de Adrián Cruz que saíu desviado.
Tardou o Pontevedra en tomar o pulso ao partido. Nos minutos iniciais era o Lealtad o que mandaba no campo. Aínda que os asturianos apenas pisaron a área contraria, aos granates custáballes progresar co balón máis aló dalgunha boa triangulación que acababa sempre en cambio de banda sen que Álex González ou Oier fosen capaces de desbordar ao seu par.
Máis de vinte minutos pasaron ata que o Pontevedra puido xerar perigo, foi cun remate de cabeza de Rufo á saída dun córner que desviou a defensa visitante. Logo tentouno Álex González cunha internada desde a esquerda, pero o cántabro non atopou espazo para disparar, Si que o fixo instantes máis tarde coa cabeza a centro de Oier que acabou en saque de esquina.
O Lealtad, pola súa banda, seguía centrado en defender e sen capacidade de atacar. Aínda que si deron un susto aos preto de 1.000 espectadores que acudiron este domingo a Pasarón cando Kofi Atta anticipouse a Santi e saíu ao contragolpe a toda velocidade. En cambio, o extremo non soubo resolver e a xogada acabou en nada.
Antes do descanso, tivo o Pontevedra dúas oportunidades máis. A primeira despois de que Damiá cazara un balón solto na área rival que o gardameta Bussmann foi capaz de atallar antes de que o centrocampista armase o disparo. A segunda levou a firma de Santi Figueroa, o canteirán sumouse ao ataque e probou fortuna cun lanzamento afastado que saíu por encima do traveseiro de Fondo Norte.
Consciente de que o partido empezaba a atascarse, Luisito moveu peza no descanso. Oier, con problemas físicos, deixou o seu sitio a Pitu, que debutaba ás ordes do técnico de Teo. Aproveitou a súa oportunidade o miúdo extremo valenciano que encarou constantemente ao seu marcador pero sen acerto no último pase. Aínda así, desenvolveu o Pontevedra o seu mellor fútbol tras o paso por vestiarios.
En cinco minutos de acoso, os granates protagonizaron tres achegamentos consecutivos á meta de Bussmann. A primeira cun centro de Álex González que Rufo cazou de volea pero saíu alta. Despois o Pontevedra presionou a saída de balón do Lealtad, Damiá roubou e cedeu para Álex González, cuxo potente lanzamento raso blocó o meta visitante. A última tivo aos mesmos protagonistas pero en orde inversa. González atopou a Damiá na área, que disparou pero o balón acabou en córner.
Daquela o partido entrou noutra longa fase de falta de oportunidades e xogo. Ata que a falta de dez minutos para o final, Cruz filtrou un balón á interior da área que Rufo non chegou a controlar cando quedaba só diante do porteiro. Si que rematou o mediocentro de Moaña unha falta lateral que saíu desviada por centímetros na acción máis clara dos granates, que vían como se lle escapaba as opcións de vitoria.
Puido cambiar todo minutos antes do asubío final se Rufo chega a peitear un poderoso disparo afastado de Xisco que despistaría a Bussmann, quen finalmente detivo o disparo e freou en seco a escapada do Pontevedra cara á permanencia nunha Segunda RFEF que está máis apertada que nunca con catro equipos en dous puntos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra con menos gol desde a 04/05 en Segunda División
Por Diego Espiño |
-
Empate que sabe a pouco para o Pontevedra en Oviedo (0-0)
Por Diego Espiño |
-
O Oviedo B, un filial "un pouco máis feito" que o Sporting
Por Diego Espiño |
-
O que lle faltaba ao Pontevedra: Charles retírase lesionado do adestramento e é dúbida para viaxar a Oviedo
Por Diego Espiño |
-
A loita pola permanencia na Segunda RFEF, nun puño
Por Diego Espiño |
-
Valioso empate do Pontevedra fronte ao Sporting B nun partido gris (1-1)
Por Diego Espiño |