O acceso ao preolímpico, en xogo para o piragüismo pontevedrés no encoro de Trasona
Por Diego Espiño
Chega o momento da verdade para o piragüismo pontevedrés, máis concretamente para a aspiración de varios deportistas da comarca de loitar pola clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokyo.
Seguir os pasos de Teresa Portela, ou polo menos tentar apurar ao máximo as súas opcións, é o obxectivo no Selectivo Nacional Sprint que comeza este martes 20 de abril no encoro asturiano de Trasona e que concluirá o vindeiro venres día 23. En xogo, ademais do pase ao preolímpico continental que se celebrará a mediados de maio en Hungría (a repesca mundial será unha semana despois en Rusia), estarán tamén billetes para as grandes citas internacionais da tempada, como o Mundial Absoluto.
Por meterse nos preolímpicos competirán un bo número de deportistas na canoa masculina, empezando polo C-2 1.000 no que están rexistrados Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio-Pescamar), Manuel Fontán e David Barreiro (Náutico O Muíño de Ribadumia / Breogán do Grove) e Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) facendo parella con Noel Domínguez (Breogán do Grove). Desta proba sairá tamén o equipo español que participará no Campionato do Mundo.
Fóra de Vallejo, o resto deles xunto a Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra), Yeray García (Piragüismo Illa de Arousa) e o campión mundial de maratón Diego Romero (Breogán do Grove) pelexarán polos mesmos obxectivos no C-1 1.000. Pola súa banda nos 500 metros, distancia non olímpica figuran inscritos a maioría no C-1 na busca de praza para o Mundial.
Pola súa banda na canoa feminina tamén se poñen en xogo aspiracións olímpicas. Así no C-2 500 aspiran a iso Antía Jácome e Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra) e María de la Peña e María Pérez (EP Ciudad de Pontevedra e Náutico O Muíño). As catro buscarán tamén o preolímpico no C-1 200 que completan outras representantes do piragüismo pontevedrés como Carla Sieiro (Piragüismo Poio) e Valeria Oliveira (Piragüismo Poio). A súa participación no Selectivo pecharase no C-1 500, non olímpico pero que repartirá prazas para o Mundial, e tamén no C-2 200.
Por último no kaiak Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) facendo parella coa asturiana Sara Ouzande será a primeira en competir este mesmo martes 20 no K-2 500, que outorga prazas para os preolímpicos,para o Europeo e o Mundial. Ademais Carolina repetirá presenza no K-1 200 en idade sub-23 buscando o seu pase ao Mundial e Europeo da categoría.
A participación pontevedresa a completa Iago Monteagudo (Naval de Pontevedra). O padexeiro de Meis comparecerá no K-1 1.000 metros co Mundial en xogo.
Relacionadas:
-
Antía Jácome e Antía Otero gañan o selectivo do C-2 500 e tamén se clasifican para o Preolímpico de piragüismo
Por Diego Espiño |
-
Antía Jácome consegue o pase ao Preolímpico no C-1 200
Por Diego Espiño |
-
Carolina García consegue primeiro billete pontevedrés para o Preolímpico de piragüismo
Por Diego Espiño |
-
Teresa Portela imponse no selectivo de Verducido e gaña oficialmente a praza para os Xogos de Tokyo
Por Diego Espiño |
-
Antía Jácome e Antía Otero vencen na Copa do Mundo en Hungría
Por Almu Dapena |