Homenaxe aos adestradores "pioneiros" do fútbol e fútbol sala pontevedrés
Por Redacción
A Real Federación Galega de Fútbol, a través do Comité Galego de Adestradores, pretende render homenaxe aos "pioneiros", tantos e tantos adestradores de fútbol e fútbol sala das diferentes categorías autonómicas que puxeron co seu esforzo os cimentos do crecemento do deporte autonómico.
En concreto a idea é recoñecer o labor de todos aqueles técnicos maiores de 65 anos que desenvolveron o seu traballo durante polo menos 15 anos.
O Comité Galego de Adestradores celebrará para iso oito sinxelos actos nas súas diferentes sedes, entre elas a de Pontevedra.
En cada lugar farase entrega a cada un dos homenaxeados dun carné de honra, un diploma e unha camiseta conmemorativa. Ademais, organizarase unha charla-coloquio na que participarán os protagonistas do tributo que virará ao redor das diferenzas do fútbol de antes co actual.
En Pontevedra o acto fixouse para o próximo 10 de xuño (20.00 horas) na sede na cidade da Real Federación Galega de Fútbol, xunto ao Estadio Municipal de Pasarón.