O Campionato de España de Apnea Indoor aterra no CGTD
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra converterase durante a próxima fin de semana, o sábado 24 e domingo 25 de abril, no centro de atención do mergullo nacional coa celebración do Campionato de España de Apnea Indoor.
O evento organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, reunirá a 39 apneístas de nove comunidades.
" Non foi fácil de organizar en tempos de covid", recoñeceu na presentación do mesmo Diego Calviño, representante do club organizador.
Durante dúas xornadas os deportistas inscritos participarán en catro modalidades: apnea estática, apnea dinámica sen aletas, apnea dinámica con aletas e apnea dinámica con monoaleta.
"Por primeira vez todos os deportistas poderán participar en todas as probas", sinalou Calviño sobre un campionato que basea a súa actividade na capacidade de aguantar o máximo tempo posible baixa a auga sen respirar.
Segundo sinalaron na previa do campionato esperan poder ver boas marcas entre os participantes a pesar das dificultades para adestrar durante os últimos meses, aínda que será complicado achegarse a un récord de España en apnea estática está fixado en 9 minutos e 36 segundos sen respirar.
Na presentación da competición participaron tamén o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez; o delegado de apnea da federación, Héctor Costa; e o director do CGTD, Jesús López.