Pablo Dapena vence na casa: proclámase campión galego de tríatlon en Pontevedra
Non hai nada mellor que gañar na casa, diante dos teus. ÿ o que logrou Pablo Dapena. O pontevedrés segue coa súa xeira de bos resultados. E desta vez proclamouse campión galego de tríatlon. Foi no campionato que se celebrou este sábado en Pontevedra, unha proba que se disputou nunha tarde moi desapracible pola chuvia e o forte vento. Acompañouno no podio a trialeta Aída Valiño, vencedora na proba feminina.
Na categoría masculina houbo unha loita clara entre dous protagonistas: Ricardo Hernández e Pablo Dapena. Hernández, do club madrileño Diablillos de Rivas, non loitaba polo título galego, pero si quería lograr a vitoria en Pontevedra. Saíron xuntos da auga (a poucos segundos) e realizaron en dúo o segmento de bicicleta, no que lograron incrementar as distancias sobre o grupo perseguidor, onde estaban Brais Canosa e Gustavo Rodríguez.
Na carreira a pé decidiuse o vencedor. O triunfo final foi para Ricardo Hernández (57:13), mentres que Pablo Dapena logrou o título de campión galego ao rematar a 14 segundos del (57:27). Terceiro e prata no galego foi Brais Canosa (Arcade Inforhouse) cun tempo de 58:42 e a continuación Gustavo Rodríguez, compañeiro de Dapena no Wild Wolf Cidade de Lugo, que logrou o bronce no galego (58:50).
Na categoría feminina non houbo emoción, xa que Aída Valiño foi moi superior a todas ás súas rivais. Saíu na primeira posición da auga, realizou todo o segmento de bicicleta en solitario, onde tamén aumentou a distancia, e rematou cun tranquilo sector de carreira a pé. Aída chegou a meta cun tempo de 1:04:34. A emoción estivo na loita polo segundo posto, na que Melina Alonso só puido superar a Marta Barbeito na carreira a pé.
Noutras categorías os vencedores do galego foron:
- Cadete: Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Andrés Cendán (Dexter).
- Júnior: Xiana Rendo (Dexter Tríatlon) e Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo).
- Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Alejandro Álvarez (Wild Wolf Cidade de Lugo).
- Veterán 1: Belén Lemat (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Juan Ramón García (A.D. Fogar).
- Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).
- Clubs: Wild Wolf Cidade de Lugo (categorías masculina e feminina).
As condicións climatolóxicas non impediron que se vivise toda unha festa do tríatlon polas rúas da cidade. A iso axudaron tamén os preto de 650 triatletas que participaron no Tríatlon Popular SERTRI organizado pola Cadena Ser e a Federación Española de Tríatlon, que se disputou antes das probas do campionato galego.
Relacionadas:
-
Bo resultado do pontevedrés Pablo Dapena en Alemaña: foi sexto no tríatlon de Dusseldorf
Por Alejandro Espiño |
-
Agridoces sensacións de Pablo Dapena en Mooloolaba (Australia), a súa primeira Copa do Mundo de Tríatlon
Por Alejandro Espiño |
-
As rúas de Pontevedra vivirán unha ampla xornada de tríatlon o vindeiro sábado
Por Redacción |