Empate que sabe a pouco para o Pontevedra en Oviedo (0-0)
Por Diego Espiño
Terceiro empate consecutivo dun Pontevedra Club de Fútbol que se mantén fóra dos postos de descenso a Segunda RFEF chegado ao ecuador da segunda fase, con dous puntos de vantaxe, pero que perde unha nova oportunidade para poñer terra polo medio ao non poder superar ao Real Oviedo Vetusta na cidade deportiva 'El Requexón'.
Os granates viaxaban a Asturias co obxectivo de recuperar os puntos perdidos a xornada anterior ao igualar co Lealtad na casa, e facíano coa dúbida dun Charles que torceu o nocello no adestramento do xoves. O brasileiro, recuperado en tempo récord, non só entrou na lista senón tamén nunha aliñación inicial de Luisito que empeza a parecerse a un once tipo, co propio Charles tirado a banda dereita deixando a punta de ataque en solitario a Rufo e un centro do campo con Damià máis adiantado.
Avisaba o técnico na previa que esperaba un encontro duro, ante un conxunto oviedista experimentado a pesar da súa condición de filial, e non fallou na súa análise, cun choque que se converteu desde moi pronto nunha batalla por cada metro e cada esférico dividido.
Ningún dos dous equipos lograba impoñerse, co Pontevedra buscando un xogo algo máis directo pero sen conseguir situacións de vantaxe e sen lograr pisar a área contraria máis que en accións a balón parado.
Con este panorama as ocasións brillaban pola súa ausencia, e só rompeu esa tendencia unha xogada illada no bando local, aos 14 minutos. Sandoval sacaba unha rápida transición polo costado zurdo e vía o desmarque de Eloy ás costas dos centrais, bordeando o fóra de xogo. O 17 oviedista con todo non puido cun Álvaro Cortés que pechou ben os ocos no man a man dando tempo ao repregamento defensivo e apagando a clara opción de gol.
Pola súa banda os pontevedreses responderon cinco minutos despois cun disparo perigoso de falta directa de Adrián Cruz, que marchou alto por pouco.
De aí ata o descanso a produción ofensiva de ambos os dous foi escasa. Combate nulo ao intermedio e fiando todas as súas opcións na segunda metade. Presentouse un partido no que era imprescindible poñer o mono de traballo e o Pontevedra aceptaba o reto esperando o seu momento.
Subiron unha marcha os granates tras o paso por vestiarios, e nos primeiros minutos do segundo tempo estiveron máis preto que nunca do gol, sen chegar a definir con acerto, un mal repetido esta tempada. En apenas dous minutos de xogo Charles avisou cunha chegada perigosa que terminou en córner, e no saque de esquina Sabater rematou desviado desde a frontal.
Pouco despois Santi Figueroa poñía un centro desde a dereita que Rufo remataba contra un defensor, do mesmo xeito que Damià na segunda opción. O 9 probouno tamén un remate de cabeza desviado e nun balón longo, tras controlar, encarar a Ugarte e disparar con perigo coa súa perna esquerda, saíndo o balón alto. En só 6 minutos os de Luisito crearan máis perigo que en toda a primeira parte, iso si, sen recompensa.
O Vetusta respondeu no 59 cun disparo perigoso de Sandoval desde tres cuartos, atopando a un atento Álvaro Cortés desviando o balón cunha bonita estirada. Foi toda a produción ofensiva do filial no segundo tempo.
Pasaron os minutos e baixou a intensidade do Pontevedra, que aínda así e sen grandes alardes parecía necesitar menos para chegar á área rival. Bastáballe un balón directo con prolongacion de Charles para que Rufo volvese probar ao gardameta local desde a frontal, no 69.
Non lle era suficiente ao conxunto pontevedrés para desequilibrar o marcador, polo que a 20 minutos do final Luisito decidía mover a árbore. Daba entrada a Pitu por Damià e con iso variaba o sistema cara ao 4-4-2, situando a Charles en punta xunto a Rufo. A piques estivo de dar resultado ao primeiro de vez, cunha boa acción de desborde do recentemente ingresado poñendo un centro pasado e perigoso para o remate de Álex González, que non atopou portería por pouco.
As balas íanse esgotando e só quedaría unha opción máis, no 87. Álex González de novo gañaba liña de fondo e poñía un centro perigoso para a entrada de Pitu, desviando a defensa sobre a liña de gol evitando o remate do xogador granate.
Ao final repartición de puntos que sabe a pouco para o Pontevedra. Non perdeu e segue fóra dos postos de descenso, pero os resultados do resto de rivais deixaban na súa man dar un golpe de efecto. Non foi así, polo que haberá que seguir sufrindo. Seguinte parada de novo en Asturias dentro de 7 días, esta vez para medirse ao Covadonga.
REAL OVIEDO VETUSTA (0): Kane Sarr, Armenteros, Ando, Guille Bernabeu (Joselu, min.75), Sandoval, Meléndez (Álex, min.66), Javi Cueto (Steven, min.82), Ámez, Rober, Eloy Ordoñez (Erik Aguado, min.66), Prada (Pedro Inglés, min.75).
PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Santi Figueroa, Churre, Xisco Campos, Zabaleta, Imanol, Adrián Cruz (Borja Martínez, min.62), Álex González, Damià Sabater (Pitu, min.70), Charles, Rufo.
Árbitro: Daniel Palencia Caballero, auxiliado nas bandas por Rodríguez Portela e Gómez Luque (País Vasco). Amoestou a Sandoval, Eloy Ordóñez, Javi Cueto, Steven e o adestrador Emilio Cañedo no Oviedo Vetusta e a Adrián Cruz no Pontevedra.
Incidencias: Partido da cuarta xornada na fase pola permanencia na Segunda RFEF disputado na cidade deportiva 'El Requexón' de Oviedo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra, superado polo descendido Sporting B, terá que sufrir ata o final (1-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Dous goles de Rufo e un de Borja tomban o Covadonga e permiten respirar ao Pontevedra (0-3)
Por Diego Espiño |
-
O Covadonga, un equipo modesto pero "temible a nivel ofensivo"
Por Almu Dapena |
-
Jorge Fernández recibe a alta e apunta á convocatoria para visitar o Covadonga
Por Diego Espiño |
-
Luisito pide máis á segunda liña: "Aquí ten que marcar goles máis xente, non só Rufo e Charles"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra con menos gol desde a 04/05 en Segunda División
Por Diego Espiño |
-
O Oviedo B, un filial "un pouco máis feito" que o Sporting
Por Diego Espiño |
-
O que lle faltaba ao Pontevedra: Charles retírase lesionado do adestramento e é dúbida para viaxar a Oviedo
Por Diego Espiño |
-
A loita pola permanencia na Segunda RFEF, nun puño
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, lento e desacertado, estrélase contra o muro do Lealtad (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |