A Gimnástica e o Concello impulsan un novo circuíto de atletismo en pista
Por Diego Espiño
Pontevedra contará esta tempada deportiva cun novo circuíto de atletismo en pista, impulsado pola Sociedad Gimnástica e o Concello de Pontevedra.
"Trátase de dar un formato común a probas que xa estaban no calendario", explicou en rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
"A idea é dar cabida aos atletas da escola do clube, que teñan a oportunidade de competir, e logo aos máis maiores que teñan un estímulo competitivo para preparar os futuros campionatos", sinalou á súa vez Santi Ferrer, representante da Gimnástica.
Trátase ademais de probas arraigadas no calendario, "algunha con máis de 40 anos", engade Ferrer.
A primeira delas non se fará esperar, e é que se disputará este mércores 28 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a partir das 17.30 horas. Será o XLVII Trofeo Boa Vila de Atletismo no que participarán ao redor de 270 deportistas desde a categoría sub-10 ata a absoluta.
Despois chegarán o 19 de maio o XLV Trofeo Sociedad Gimnástica, o 2 de xuño o XXVI Trofeo Cidade de Pontevedra e o 16 de xuño o XXII Memorial Celso Mariño.