O campo de fútbol de Portas, listo para estrear o seu novo tapete
Por Redacción
Os nenos e nenas das escolas de fútbol do Portas e do Romai serán os primeiros en estrear estes días a nova superficie de xogo do campo municipal da Rapeira.
A instalación foi renovada tras esgotar a vida útil do anterior tapiz de herba sintética polo seu intenso uso durante anos.
Agora, finalizadas as obras, "teremos o campo listo para a práctica deportiva no caso de que as novas condicións sanitarias permitan o seu uso en toda a súa plenitude e se se recuperan as competicións ligueiras nas distintas categorías", sinalou nunha visita á instalación o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.
As obras consistiron no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.968 metros cadrados (104x67 metros) da nova alfombra, previa aplicación de area de sílice e, finalmente, a repartición de caucho no céspede.
En total investíronse 170.146,82 euros con financiamento do Plan Concellos da Deputación.