Condenados a sufrir ata a última xornada
Por Diego Espiño
Segue dependendo de si mesmo para estar a próxima tempada na Segunda RFEF e non caer á Terceira, o que supoñería a súa peor clasificación histórica descendendo á quinta categoría nacional, pero o Pontevedra Club de Fútbol abonouse ao sufrimento.
Un triunfo en Pasarón fronte ao xa descendido Sporting B tería deixado case sentenciada a fase pola permanencia. Con todo a súa derrota no desconto mantén aos granates a só 1 punto da zona vermella a falta de dúas xornadas.
Co Coruxo como novo líder con 32 puntos, o Pontevedra séguelle con 30 e con 29 están Salamanca CF UDS e Real Oviedo Vetusta, este último en descenso directo.
Todo segue nun puño e apunta a ter que decidirse na última e definitiva xornada, como sucedeu na tempada 17/18 cando o equipo entón adestrado por Luismi Areda salvou a categoría na data decisiva vencendo a domicilio o Atlético B. Aquel ano a falta de dúas xornadas o Pontevedra contaba cun punto sobre o play- out, e un empate sen goles ante o Adarve na casa fíxolle ter que xogarse todas as súas opcións no último partido, ao que chegou con 2 puntos de vantaxe sobre os seus rivais.
Agora, unha campaña que llas prometía esperanzadora foise convertendo semana a semana nun pesadelo para a afección pontevedresa, vendo como se escapaban cada un dos obxectivos marcados. Queda o último, un mal menor, que é evitar caer a Terceira, e as sensacións do equipo non convidan á tranquilidade.
Os de Luisito xogaranse as súas opcións en dous partidos, primeiro visitando o vindeiro domingo 16 o Lealtad de Villaviciosa. O equipo asturiano confirmou o seu descenso matemático esta xornada ao perder fronte ao Coruxo. Vencer é unha obrigación para seguir dependendo de si mesmos nunha última data que se antolla dramática, xa que visitará Pasarón o Real Oviedo Vetusta, equipo que actualmente marca o descenso e que antes de viaxar a Pontevedra xogaralla na casa recibindo o Coruxo.
Pola súa banda o outro equipo implicado, o Salamanca, debe xogar no campo do xa descendido Covadonga para finalizar a tempada como local ante outro equipo que perdeu a categoría, o Sporting B.
Un final de liga non apto para cardíacos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra desperdicia dous goles de vantaxe en Villaviciosa e xogarase o seu futuro na última xornada (2-2)
Por Diego Espiño |
-
Lealtad, primeira de dúas finais para un necesitado Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Charles, entre algodóns antes da 'final' en Villaviciosa
Por Diego Espiño |
-
Adrián Cruz despídese da tempada por unha microrrotura muscular
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, superado polo descendido Sporting B, terá que sufrir ata o final (1-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Luisito pide "un último esforzo" a plantel e afección para pechar canto antes a permanencia
Por Diego Espiño |
-
Autorizado un aforo de 3.000 espectadores en Pasarón para os dous últimos partidos da tempada
Por Redacción |
-
Dous partidos de suspensión a Pitu pola súa expulsión fronte ao Covadonga
Por Diego Espiño |