Aforo limitado a 40 persoas no regreso do público ás instalacións deportivas de Marín
Por Redacción
O público poderá regresar ás competicións deportivas que se disputan en Marín.
Así o confirmou o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, aínda que explicando que a volta dos afeccionados ás instalacións deportivas municipais será moi limitado.
O acceso unicamente será posible en partidos e eventos do calendario oficial, cun máximo de 40 persoas (20 por cada equipo participante) entre as que se inclúen os directivos e o persoal dos clubs.
Previamente á súa celebración, deberá enviarse ao Concello unha listaxe das persoas que asistirán como público co seu nome, apelidos e DNI. Ademais o acceso á instalación estará permitido ata 15 minutos antes do inicio.
En cada instalación, indicaranse os asentos dispoñibles, así como as zonas que ocuparán, por separado, as afeccións local e visitante. Por último impedirase o acceso a aquelas persoas cunha temperatura corporal superior aos 37,5 graos.
Estas normas poderán consultarse na páxina web do Concello de Marín.