Convincente estrea do Cisne no sector do Nacional Xuvenil superando con claridade o Bidasoa (30-23)
Por Diego Espiño
O Club Cisne iniciou con bo pé a súa participación no sector do Campionato de Espapa Xuvenil Masculino que se celebra no Pavillón Municipal dos Deportes.
Os pontevedreses mostraron boa imaxe no seu primeiro encontro, superando con solvencia ao Bidasoa de Irún, e manteñen intactas as súas opcións de avanzar á fase final do Nacional e meterse entre os oito mellores equipos do país.
O encontro comezou con gol inicial dos vascos, pero o equipo adestrado por Víctor Castro reaccionou cun parcial de 5-0 ao seu favor que demostraba que saltaran á pista ao máximo de concentración.
A vantaxe do Cisne movíase en 3-4 goles, ata que mediado o primeiro período o equipo pegou unha nova dentada ao encontro ata un 14-5 que poñía moi difícil a vitoria ao Bidasoa a pesar de ser aínda o minuto 20 de xogo.
Os locais, cun Carlos Álvarez especialmente inspirado, chegaron ao descanso con oito goles de vantaxe (16-8).
Era importante non perder a concentración no segundo acto, que comezou cunha exclusión cisneísta e dous goles consecutivos dos de Irún. Pero foi un espellismo, e o Cisne non só controlou á perfección a súa vantaxe senón que a levou á contorna da decena de goles (21-11) sen deixar aberta a opción á remontada.
Ao final o marcador reflectiu un 30-23 maquillado lixeiramente nos últimos minutos que consolida ao Cisne como aspirante ao primeiro posto, para o que tamén se perfila un Ademar de León que venceu no seu partido o Finetwork Gijón (30-25).
Este sábado, en horario matinal, a competición continúa cos partidos entre Ademar e Bidasoa (10.30 horas) e entre o Cisne e o Gijón (12.30 horas).
Relacionadas:
-
'Operación quilómetro' no Cisne para financiar a viaxe dos seus xuvenís ao Campionato de España
Por Diego Espiño |
-
Romper o teito histórico do club, un soño para o Cisne xuvenil na fase final do Campionato de España
Por Redacción |
-
Os xuvenís do Cisne métense na fase final do Nacional tras empatar co Ademar León (24-24)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne, brillante en defensa, esmaga o Gijón no Nacional Xuvenil (28-15)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne, a por todas como local nun sector do Nacional Xuvenil "complicado"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será sede dun dos sectores do Campionato de España Xuvenil Masculino de balonmán
Por Diego Espiño |
-
Os xuvenís do Cisne esmagan ao Luceros e proclámanse campións da Liga Galega (29-34)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |