O Festival Fitness Serviocio sae a rúa por vez primeira e converterá A Ferrería nun ximnasio
Por Alejandro Espiño
Gozar dunha tarde deportiva en familia e promover a práctica de exercicio físico para levar unha vida saudable. Son os obxectivos da nova edición do Festival Fitness Serviocio, organizado pola empresa que xestiona a Piscina de Campolongo e no que colabora, entre outros, o Concello de Pontevedra. Será este venres 4 de outubro e por primeira vez celebrarase ao aire libre, na Praza da Ferrería.
Segundo explicou Roberto Cancelas, director do complexo deportivo, será unha xornada deseñada para toda a familia "facilitando así a participación simultánea de adultos e rapaces". Desde as 17.00 ata as 21.00 horas haberá actividades para os máis pequenos, que dispoñerán de carpas e xogos de animación para que os seus pais ou acompañantes poidan gozar das propostas para adultos.
O programa inclúe baile infantil, baile latino para adultos, aerobic/aerofitness, tonificación, body combat e, finalmente, zumba. Cada actividade terá unha duración de entre 30 e 40 minutos e estarán impartidas por máis dunha ducia de monitores chegados de Pontevedra e outras localidades onde Serviocio presta o seu servizo como Redondela, Vilagarcía, Ourense ou A Coruña.
Todas estas actividades son gratuitas e non fai falta inscripción previa. "Só basta con acudir, preferentemente, con roupa deportiva", destacou Roberto Cancelas. No caso de que a climatoloxía sexa adversa e chova, o Festival non se suspenderá senón que se celebrará no interior das Piscinas de Campolongo.
Na súa presentación, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, afirmou que "o obxectivo é achegar o deporte aos cidadáns e asocialo cunha compoñente lúdica". Referiuse ao recente éxito da exhibición de deportes minoritarios Mostra-T Deportivamen-T, celebrada hai escasas semanas na Praza de España e neste sentido dixo que "os poderes públicos teñen a obriga de promover un estilo de vida sana, relacionado coa actividade física".