Doce final de tempada para o Cisne a pesar do descenso
Por Manu Otero
O Dicsa Modular Cisne pecha a tempada do seu debut en Asobal este sábado, ás 19 horas no Pavillón Municipal, contra o Puente Genil. A pesar do descenso, no seo do cadro pontevedrés o sentimento é de éxito porque o cub experimentou un crecemento "tremendo" a nivel social, mediático e en canteira.
Para celebrar o final de curso, o equipo convida a todos os afeccionados a acudir este sábado ao espazo gastronómico do mercado de abastos para apoiar ao club na campaña de crowdfunding lanzada para financiar a viaxe do equipo xuvenil á fase final do campionato de España. "Unha porcentaxe de cada consumición irá ás arcas do Cisne", detallou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, na presentación da campaña.
Non será un partido especial soamente por ser o último do ano de debut en Asobal, o será tamén pola despedida dunha das grandes figuras do equipo nos últimos anos. Miguel Simón pecha un periplo de 12 anos vestindo a elástica branca e farao "cunha emoción moi grande".
"Estou moi contento coa tempada aínda que descendésemos. O club consolidouse e creceu en socios e como institución. Parece unha derrota o descenso de categoría, pero é todo o contrario", asegurou o pivote defensivo.
A súa afirmación apoiouna e ampliou o directivo Miguel Monteagudo ao sinalar que "a tempada foi tremendamente positiva. É o contrario a un fracaso. O crecemento foi tremendo e a visibilidade por estar en Asobal é tremenda. O reflexo é o incremento nas inscrición nas categorías base. De feito somos o único club galego con equipos en sectores de diferentes categorías este ano. Quere dicir que a canteira segue traballándose moi ben".
Sobre a iniciativa no mercado, explicou Monteagudo que o club levaba tempo coa intención de organizar un evento social que a pandemia obrigou a pospoñer. Pero aprovehcando o final de tempada e a mellora na situación epidemiolóxica, consideran que é o mellor momento para "promocional a hostalería e o produto local" de forma segura e, de paso, axudar economicamente ao club.
Relacionadas:
-
O Cisne busca abono para seguir crecendo
Por Manu Otero |
-
Gonzalo Carró pon fin á súa etapa no Cisne
Por Diego Espiño |
-
O Cisne despídese de Asobal derrotando na casa o Puente Genil (28-26)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Miguel Simón deixa o Cisne despois de 12 anos de servizo
Por Manu Otero |
-
'Operación quilómetro' no Cisne para financiar a viaxe dos seus xuvenís ao Campionato de España
Por Diego Espiño |