San Tomé de Piñeiro acollerá o próximo 12 de outubro a cuarta edición da carreira 'Pinga Pinga'
Por Alejandro Espiño
A popular carreira Pinga Pinga quenta motores. O vindeiro sábado 12 de outubro celebrarase a cuarta edición dunha proba que xa se consolidou no calendario galego. San Tomé de Piñeiro volverá ser o escenario da carreira, organizada polo Club Deportivo Pinarium en colaboración co Concello de Marín. Nela, participarán centos de atletas de todas as idades. Será, un ano máis, toda unha festa do atletismo.
O campo de fútbol de San Tomé será de novo o epicentro da proba. Será saída e chegada de todas as probas, desde a de pitufos (nacidos en 2009 e adiantes) que percorrerán 100 metros, ata a carreira absoluta, cuxos atletas percorrerán, desde as 17.00 horas, un total de oito quilómetros. Serán tres voltas a un circuíto que, como novidade, entrarán no campo de fútbol en cada unha das voltas.
Será antes da coñecida subida ata a fonte Pinga Pinga, que dá nome á proba, e da que destacan a súa dureza debido ás súas fortes pendentes. "Queremos que os atletas fagan sentir á grada o sentimento do deportista e que o público os arroupe na subida que vai a continuación", explicou o presidente do Club Deportivo Pinarium, Diego González, na presentación da proba.
Ademais, este ano auméntanse os premios en todas as categorías. Os vencedores das probas masculina e feminina recibirán 200 euros, mentres que os segundos e terceiros gañarán 100 e 50 euros, respectivamente. Haberá tamén trofeos para o club con máis participantes e para o primeiro e primeira deportista marinense en cruzar a liña de meta. En categorías inferiores, repartiranse medallas e trofeos para os primeiros clasificados.
O homenaxeado nesta cuarta edición da Pinga Pinga será o Comesaña Sporting Club, o club de atletismo máis antigo do atletismo galego. Segundo o seu presidente, Belarmino Alonso, levan 98 anos de actividade. "Aínda que o Celta e a Gimnástica din que son máis antigos, non é certo", explicou na rolda de prensa. "Nós comezamos a nosa actividade no ano 1915, aínda que ata o 1921 case non saímos da aldea". Actualmente conta con 180 deportistas.
A inscripción para participar na proba pódese realizar a través da empresa que cronometrará aos corredores (www.cronotec.es) e custa catro euros por persoa. Para as probas nas que compitan menores, cuxa inscripción é gratuita, hai que facelo na páxina web do club, www.pinarium.com.