Pontevedra e o karate, unha relación que acaba de comezar
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra será escenario durante a fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de xuño, dun dos tres eventos do ano da Liga Nacional Infantil de Karate, aprazado no principio do ano pola pandemia.
Máis aló das cifras, con ata 559 deportistas inscritos de 111 clubs do estado ademais de adestradores, árbitros e acompañantes, o torneo supón o inicio dunha relación con este deporte que desde Pontevedra esperan se converta en duradeira.
Tanto é así que na presentación do campionato o presidente da Federación Española de Kárate, Antonio Moreno, confirmou que chegou coa Boa Vila a un "compromiso para facer unha actividade nacional todos os anos", o que en 2022 supoñerá a celebración na cidade do Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-23.
"É a primeira vez pero non será a última", avanzou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández acompañado do presidente da Federación Galega, Óscar Lafuente.
A primeira fase da Liga Nacional Infantil desenvolverase sen público, debido ao protocolo covid polo que se rexe a Federación, estando prevista a competición masculina para a xornada de sábado (12.00 a 21.00 horas aproximadamente) e o domingo a feminina (8.30 a 17.00 horas).
Galicia estará representada na cita con 60 participantes de 12 clubs, pertencendo tres dos deportistas ao Gimsport pontevedrés.