Mikel Diestro pon fin a tres anos como adestrador do Leis
Por Diego Espiño
A recentemente iniciada etapa Joaquín Fabeiro como novo presidente do Leis Pontevedra comeza cun cambio importante, a saída de Mikel Diestro.
O adestrador do primeiro plantel pontevedrés non continuará no equipo tras aceptar unha oferta para dirixir un club de categoría superior, segundo confirmou a entidade pontevedresa.
O técnico vasco pon así fin a unha etapa de tres anos no banco do Leis, ao que chegou no verán de 2018 coa misión de comandar un proxecto a medio prazo con miras a subir a Segunda División. Non lle andou lonxe a pasada campaña, tras o aprazamento pola pandemia, ao disputar a fase de ascenso, mentres que no curso recentemente finalizado, marcado polas dúbidas económicas propias da situación actual, conseguiu pechar a permanencia na Segunda B cunha traxectoria de menos a máis.
"Desde o Leis Pontevedra FS queremos destacar o traballo e sacrificio realizado por Mikel. A súa dedicación e esforzo calaron en cada un dos equipos do club. Fíxonos mellores", descata o Leis na despedida do técnico.
A intención era que continuase en Pontevedra, como demostra o feito de que Diestro traballase nas últimas semanas man a man coa directiva na confección do plantel para a próxima tempada.