As promesas do ciclismo júnior e sub-21 reúnense na Ruta do Albariño
Por Redacción
Fin de semana de ciclismo nas estradas do Salnés grazas á oitava edición da Ruta do Albariño.
A proba, consolidada no calendario júnior e sub-21, celebrarase con tres sectores o sábado 12 e o domingo 13 de xuño.
A Ruta comezará o sábado pola mañá (11:00 horas) cun sector individual, unha cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto do Busto. Esta primeira xornada completarase pola tarde (17:00 horas) cunha carreira en liña de 63 quilómetros con inicio e final na Rúa Desiderio Abalo de Meaño. Ao día seguinte, a Avenida de Galicia de Cambados, será punto de saída e chegada da última etapa, cun percorrido de 92 kolímetros.
Será toda unha oportunidade de destacar para os ciclistas nun terreo espectacular para a práctica do ciclismo. Así o lembrou na presentación do evento, a través dun vídeo, o portugués Joao Almeida, sexto clasificado do último Giro de Italia e que competiu na Ruta do Albariño en 2016.
En total daranse cita na carreira 150 ciclistas de 22 equipos, debendo pasar todos eles probas de detección da covid o venres.
A nómina de equipos galegos en liza será de 12: Avanza-O Porriño, Alca-Retelec, Barbanza, Cambre, Cidade de Lugo, Farto, Lasal Cocinas-Louriña, Aluminios Cortizo, Ponteareas, Vigo-Rías Baixas, Supermercados Froiz e Vigués. O resto de equipos procede de Asturias (MMR), Castela-León (Emico e Reino de León), Cantabria (Corbatas Pindal e Bathco) e Madrid (Entrenamiento Ciclismo).