O cambadés Rubén Fandiño acariña o triunfo nunha Ruta do Albariño con claro dominio portugués
Por Redacción
As estradas do Salnés enchéronse de ciclistas esta fin de semana coa celebración da oitava edición da Ruta do Albariño, marcada polas altas temperaturas ás que se tiveron que enfrontar os corredores.
A proba, consolidada no calendario júnior e sub-21 de ciclismo, comezou o sábado ás 11:00 horas co sector individual, onde un total de 144 participantes, pertencentes a 22 equipos, afrontaron unha loita de 3 quilómetros de ascenso ao Busto, cun desnivel medio do 8%.
O portugués Antonio Morgado, do Barriada, exhibiuse na cronoescalada manital ao Alto do Busto, completando a subida en 9 minutos e 12 segundos, batendo en 14 segundos a Iván Romeo e a Samuel Fernández, ambos os do MMR-Academy asturiano.
O mellor galego da competición do sábado foi Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo) cun quinto posto.
SEGUNDO SECTOR
Alain Suárez, do Gravatas Pindal, foi o claro dominador da xornada da tarde, marcando un ritmo alto desde o principio, desafiando ao grupo en solitario para lograr unha vantaxe próxima ao minuto.
Pero despois do paso da Méta Volante do Grove, Ángel Molina (Entrenamiento Ciclismo) recortou distancias para coroarse no único porto de montaña, o Alto de Bouza.
O madrileño, que xa tiña dous podios asegurados, buscou o de gañador da etapa e lanzouse ao ataque con Samuel Fernández (MMR). Os dous corredores chegaron na cabeza aos últimos 3 quilómetros, onde se lles uniu Ángel Monje, do Supermercados Froiz.
Pero na recta final foi Molina o que apertou un pouco máis, vencendo cun tempo de 1:35.28.
ETAPA FINAL
Na xornada celebrada na matinal do domingo volveu haber claro dominio portugués co triunfo do júnior Antonio Morgado, que certificou este domingo en Cambados o seu éxito na xeral.
Pola súa banda, o cambadés Rubén Fandiño (Bathco) finalizou segundo no sprint co que se resolveron os 92 quilómetros de percorrido, xa que no último golpe arrebatoullo Samuel Fernández ( MMR Academy), que obtivo o triunfo. O portugués Kawah David (Seissa-KTM) foi terceiro.