Homenaxe 'de Primeira' para o Marín Futsal
Por Redacción
O Multiusos da Praza de Abastos de Marín acolleu a última hora deste xoves un acto especial, a homenaxe ao Marín Futsal tras o seu histórico ascenso á Primeira División de fútbol sala.
"Moitas grazas por darnos a Marín a posibilidade de desfrutar da Primeira División", sinalou no seu discurso a alcaldesa, María Ramallo, recoñecendo que "cando no seu momento O Fisgón veu a adestrar a Marín ninguén podía pensar que chegaríamos a isto".
"Era un deporte que non tiñamos en Marín, o fútbol sala feminino, e para nós era todo un reto", explicou a rexedora lembrando a importante unión de clubs que se produciu na vila. "Estou totalmente convencida de que non fóra polo Ancorad'Ouro, ED Marín e O Fisgón hoxe non teríamos a forza para ter un equipo na máxima categoría", asegurou Ramallo.
No acto, ademais das deportistas, corpo técnico e directiva protagonistas da xesta, estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; o xefe territorial de Deportes, Daniel Benavides; e o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández.
O descubrimento dunha gran lona cunha fotografía do Marín Futsal celebrando o conseguido foi o punto culmen dun acto que supón soamente o principio dun soño no que "nos ides facer desfrutar dunha liga complicada e complexa", sinalou María Ramallo sobre unha Primeira División que espera poidan vivir os afeccionados en directo na Raña deixando atrás dunha vez por todas as restricións derivadas da pandemia.