Víctor Senra gaña con autoridade a III edición do Rally de Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Máis de 150 vehículos citáronse esta fin de semana para celebrar o III Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez, no que foron claros vencedores os pilotos do Yacar Racing, Víctor Senra e Ramón López, cun tempo global de 1:03:00. O podio completárono Jorge Pérez e Avelino Martínez, do Galicia Motorsport (1:05:17) e Lucas Simoes e Nuno Almeida, do Ruta Xacobea (1:05:18).
A gran cita para os amantes do motor comezou o venres ás 19:54 horas, previo minuto de silencio en memoria do piloto Víctor Magariños, falecido a semana pasada nun accidente de tráfico en Cerdedo-Cotobade.
Desde o parque empresarial de Nantes os corredores afrontaron os primeiros catro quilómetros da competición, un treito espectáculo por Sanxenxo no que se Francisco Dorado e Roi Torrente, da escuadra Miño, situáronse como os primeiros líderes da proba cun crono de 2:50.758.
Foron dous segundos e medio máis rápidos que Iago Caamaño e Javier Varela, que foron segundos; e case tres segundos e medio por diante do coche pilotado por Víctor Senra e Ramón López, que marcaron o terceiro mellor tempo.
Xa o sábado, a partir das 7:30 horas, os coches comezaron a saír desde o parque instalado en Baltar cara Meaño para disputar a primeira das tres pasadas previstas nese tramo.
Ás 7:51 horas foi a primeira, onde o Skoda Fabia R5 de Víctor Senra fixo o mellor tempo nos 11,05 quilómetros que había que percorrer. Completounos en 7:07.907. Sacou case 21 segundos á dupla formada por Alberto Otero e Jordan Vázquez, do Lalín Deza, que chegaron en segunda posición (7:28.775); e máis de 23 segundos a Manuel Fernández e Raquel Rodríguez, do T. Martínez Racing, que quedaron terceiros nesta pasada (7:31.224).
Na segunda manga do día, que comezou ás 8:54 horas en Ponte Caldelas, o actual líder do campionato galego cruzou a liña de meta co mellor tempo, 6:05.445. Superou pola mínima, tan só sete décimas de segundo, ao Renault Clio N5 de Diego Vila e Álex Alonso (Aguanta Volante Rallye Team); e por oito segundos a Jorge Pérez e Avelino Martínez (Galicia Motorsport), que foron os terceiros (6:13.516) en percorrer os 11,8 quilómetros.
O dominio de Senra mantívose nos primeiros 11,2 quilómetros por Cerdedo-Cotobade. O piloto de Dumbría voou cunha mellor marca de 6:21.777. Lucas Simoes e Nuno Almeida (Ruta Xacobea) chegaron segundos a sete segundos (6:28.705) e o Ford Fiesta R5 de Manuel Fernández foi o terceiro, a máis de trece segundos (6:35.368).
Chegados a este punto, parecía que ninguén podería quitarlle a vitoria á parella do Yacar Racing. Tiñan xa 50 segundos de vantaxe sobre o Hyundai I20 R5 de Alberto Otero e case 54 sobre a terceira praza, que ocupaban temporalmente Manuel Fernández e Raquel Rodríguez. E así foi.
Certo é que os seus principais rivais tiveron que abandonar. Nin Francisco Dorado, que chegaba líder ao sábado, nin Alberto Meira nin Iago Caamaño puideron continuar no rally.
Outra vez en Meaño, Senra e López foron os máis rápidos en chegar a meta (7:10.994). Metéronlle nove segundos máis a Alberto Otero (7:19.694) e case quince ao coche pilotado por Lucas Simoes (7:25.900). E a historia repetiuse nas segundas pasadas por Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, que completou en 6:35.440 e 6:43.355, respectivamente.
Na vila termal, Jorge Pérez e Avelino Martínez esta vez foron segundos e Simoes e Almeida foron terceiros; e en Cerdedo-Cotobade, tras Senra situouse o Citröen DS3 de Pérez e terceiros foron Koke Garnelo e Javier Martínez, do AFKM Team, a bordo do seu Nissan Micra N5.
Xa neste punto, a vantaxe de Víctor Senra á fronte da clasificación era xa insalvable con dos minutos por diante de Jorge Pérez e 2:06 sobre o Hyundai I20 R5 de Lucas Simoes, que foi o único que logrou vencerlle unha manga ao gañador do rally.
Foi na última pasada por Ponte Caldelas, tras superar ao Skoda Fabia R5 de Senra por só tres décimas de segundo.
Tanto na terceira manga por Meaño como a última por Ponte Caldelas, os pilotos do Yacar Racing non deron opción aos seus rivais e aumentaron a súa diferencia ata os dous minutos e dezasete segundos que lle sacaron ao final a Jorge Pérez, que pisou o acelerador na última manga e por apenas catro décimas arrebatoulle a segunda posición aos portugueses Simoes e Almeida.
Consulta a clasificación da III edición do Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez
Relacionadas:
-
O Rally de Pontevedra celebra no mes de xuño á súa quinta edición
Por Redacción |
-
Víctor Senra revalida triunfo no Rally de Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Moraña verá pasar a cuarta edición do Rally de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade repetirá en 2022 como sede dun dos tramos do Rally de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Federación Galega de Automobilismo aproba o seu pre-calendario de competición para 2022
Por Diego Espiño |
-
Ribadumia quece motores para a primeira edición do seu 'RallyMix'
Por Redacción |
-
A Garda Civil investiga un participante do Rally de Pontevedra por levar falsificado o número de bastidor
Por Redacción |
-
O Rally de Pontevedra, listo para o espectáculo: Estes son os seus horarios
Por Diego Espiño |
-
O Rally de Pontevedra segue adiante con Víctor Magariños na memoria
Por Diego Espiño |
-
Falece o piloto Víctor Magariños cando recoñecía o terreo para o Rally de Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas presenta o paso polo municipio do Rallye de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo, "porto base" para un Rallye de Pontevedra que xa quenta motores
Por Redacción |