Diego Casas, subcampión de España sub23 en lanzamento de disco
Por Redacción
Fin de semana chea de medallas para a Sociedad Gimnástica de Pontevedra. Despois do ouro conseguido por Antía Chamosa nos 10 quilómetros marcha no Campionato de España sub-23 que se está disputando en Nerja, chegou a prata de Diego Casas.
O lanzador de disco proclamouse este domingo subcampión de España sub-23 cun lanzamento de 57.14 que lle valeu para subirse por primeira vez a un podio nacional.
Ademais, no campionato galego sub-20 que se celebrou durante a mañá do domingo no CGTD, o equipo pontevedrés levou un total de oito medallas.
Paula de la Torre proclamouse campioa galega en 800 metros con 2:18.59 e en 1.500 metros con 5:04.02 e Andrea Villaverde conseguiu o ouro en salto de altura (1,53 metros) e en lonxitude con 5,31 metros. Nesta última proba compartiu podio coa súa compañeira de equipo Marta Barragáns, segunda cun mellor intento de 5,24 metros.
Pola súa banda, Natalia Meaños fíxose coa prata nos 100 metros cun tempo de 13.08 e co bronce en 200 metros con 26.96.
Finalmente, Roi Surribas gañou os 5 quilómetros marcha cun tempo de 23:48.03 sendo o único atleta masculino da Gimnástica en subir ao podio, xa que Daniel López chegou á final dos 100 metros pero fixo saída nula.
Relacionadas:
-
Un posto de finalista e unha mellor marca persoal, balance da Gimnástica no Nacional Sub-20
Por Redacción |
-
Antía Chamosa, campioa de España de 10 quilómetros marcha coa terceira mellor marca europea sub-23 do ano
Por Almu Dapena |
-
O equipo feminino da Gimnástica, sétimo na final polo título de Primeira División
Por Almu Dapena |